Redacción •  Galicia •  04/12/2024

A CIG convoca mobilizacións contra a ampliación das competencias das mutuas nas xestións das baixas

A CIG ten convocadas asembleas e mobilizacións de delegadas e delegados para este mércores 4 de decembro, nas sete cidades, para rexeitar que as mutuas poidan xestionar as baixas por doenzas músculo-esqueléticas e para reclamarlle á Xunta de Galiza que non subscriba este tipo de convenios que facilitan os abusos das axencias de colaboración e afondan na privatización da sanidade pública.

A CIG convoca mobilizacións contra a ampliación das competencias das mutuas nas xestións das baixas
Horas e lugares das mobilizacións:
  • A Coruña: ás 12h, concentración no edificio da Xunta en Monelos (Praza de Luís Seoane).
  • Compostela: ás 12h, manifestación dende o edificio Cersia até a Consellaría de Sanidade (San Lázaro).
  • Ferrol: ás 12h, concentración diante do edificio da Xunta.
  • Lugo: ás 12h, concentración diante edificio Xunta (Ronda da Muralla)
  • Ourense: ás 11:30h, concentración na delegación territorial da Xunta (Casa de Chocolate).
  • Pontevedra: ás 11:30h, manifestación dende a Biblioteca Publica até o edificio da Xunta.
  • Vigo: ás 12h, manifestación dende Capuchinos até o edificio da Xunta.

A posibilidade de que sexan as mutuas as que xestións as incapacidades temporais os procesos de Incapacidade Temporal e as patoloxías derivadas de enfermidades músculo-esqueléticas aparece recollido no acordo de pensións asinado no diálogo social o pasado 19 de setembro polo Goberno de coalición, os sindicatos CCOO e UGT, e a patronal estatal.

Hai que lembrar que este era un dos puntos pactado polas centrais sindicais e a patronal española no V Acordo de negociación colectiva, no que xa se recomenda promover acordos coas administracións para reducir a duración das baixas, culpabilizando así as persoas traballadores por estaren enfermas, cando é o sistema laboral e de xestión das mutuas o que falla. 

A central celebrará tamén asembleas de delegados/as nas sete cidades antes das protestas

Para efectivizar esta nova cesión das competencias propias da sanidade pública, as Consellarías de Sanidade das Comunidades Autónomas, as mutuas colaboradoras, a dirección xeral de Ordenación da Seguridade Social e o INSS teñen que subscribir convenios de colaboración. «O que lle demandamos a Xunta de Galiza é que rexeite subscribir convenios deste tipo e darlle máis poder a unhas entidades que xa hoxe son un instrumento de abuso enorme a prol dos intereses da patronal», denuncia o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.

Con este obxectivo, a CIG xa se reuniu antes do verán co conselleiro e co secretario de xeral de Emprego da Xunta e coa Consellaría de Sanidade e mantivo xuntanzas cos grupos parlamentares para instar tanto ao Goberno como ao Parlamento galego a impedir que se amplíen os ámbito de actuación das mutuas nunha materia tan crítica como son os coidados da saúde dos traballadores e as traballadoras.

Porque ademais, esta medida de recorte promovida no pacto social e abrazada con entusiasmo polo Executivo estatal, posta en man do PP na Xunta, pode multiplicar os seus efectos negativos.»Un Goberno autoproclamado o máis progresista estalle a facilitar ao PP unha nova ferramenta para avanzar na política de desmantelamento e privatización da sanidade pública galega, contra da que levamos anos loitando», asevera Carril.

A ampliación das competencias das mutuas é un máis dos recortes recollidos nese acordo de pensións asinado no diálogo social, que dificulta o acceso á xubilación parcial e non resolve as reivindicacións no recoñecemento de coeficientes redutores para a xubilación anticipada aos colectivos laborais que padecen condicións de especial penosidade, perigosidade ou toxicidade. Un acordo do que, lembra Carril, a día de hoxe seguimos sen coñecer o seu contido exacto nin o seu alcance.


sanidad pública /