Sacyr tenta fuxir das súas responsabilidades sobre a mina de San Finx
- Hoxe anunciouse a venda dos activos a unha empresa opaca con sede en Australia, Biscay Minerals Ltd., como vía de escape ás responsabilidades ambientais.
- Ecoloxistas en Acción demanda impor un aval de 20 millóns de euros, unha vez que o actual, de apenas 178 mil euros, é irrisorio á vista dos pasivos ambientais existentes.
Ecoloxistas en Acción ven de dirixir escritos ao Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, así como ao Vicepresidente Segundo e Conselleiro de Industria e ás conselleiras de infraestruturas, medio ambiente e mar, alertando de que hoxe mesmo a empresa australiana Rafaella Resources anunciaba a adquisición da mina de San Finx a través dunha filial opaca, Biscay Minerals Ltd.
Reclámalle ao Consello da Xunta que impoña a Valoriza Minería un aval ambiental de como mínimo 20 millóns de euros en cumprimento da Lei de Responsabilidade Ambiental, unha vez que tanto a restauración da zona afectada polas presas de residuos mineiros como o tratamento a perpetuidade das drenaxes ácidas de mina que contaminarían a ría non poden ser asumidos co irrisorio aval de 178 mil euros imposto pola Xunta.
A transacción, denuncia o colectivo ecoloxista, é parte dunha estratexia de Valoriza Minería, filial do Grupo Sacyr, para desfacerse dunha explotación ruinosa e ambientalmente inviable, e dese xeito non ter que asumir os enormes pasivos ambientais que afloraron nos últimos anos. Xusto en decembro pasado sometíanse a exposición pública tanto un proxecto de vertidos como un proxecto de retirada de residuos mineiros das presas abandonadas, en ambos casos deficientes e que, de chegar executarse, implicarían a inxección de elevadas concentracións de metais pesados á ría de Muros e Noia. As consecuencias multimillonarias de implicar o peche de bancos marisqueiros sería o peor pesadelo de Sacyr, que agora se quere desfacer do problema.
A transmisión de 2015 apoiada no capital de Sacyr
O 31 de xullo de 2015 o Consello da Xunta daba conta da iniciativa de Sacyr para reactivar San Finx, cun investimento de 10 millóns de euros e a creación de 60 postos de traballo, a pesar de que o proxecto vixente apenas contemplaba 12. A transmisión de dereitos mineiros desde a anterior concesionaria, en concurso de acredores, foi aprobada polo ex-Director Xeral de Minas Ángel Bernardo Tahoces, baixo as premisas dun informe técnico do entón enxeñeiro da Xunta responsable pola supervisión da mina no que indicaba que a capacidade económica e técnica de Valoriza “supera as necesidades de inversión do proxecto mineiro”.
Ambos encóntranse actualmente imputados por un presunto delito de falsedade en documento pública e deberán declarar a finais de xaneiro e principios de febreiro ante os Xulgados de Santiago, precisamente por tentar ocultar os pasivos ambientais da mina en diversos documentos e informes. O mesmo enxeñeiro da Xunta chegara a afirmar que as presas de residuos mineiros eran “irrefutablemente” presas “hidroeléctricas”, de modo que a súa restauración fose asumida por Augas de Galicia e non pola empresa mineira.
O novo titular: un conglomerado opaco con sedes en paraísos fiscais
As empresas australianas ás que Sacyr confiou a desfeita de San Finx son parte dun conglomerado opaco con sede en Hong Kong e nas Illas Virxes Británicas, desde onde operan mediante filiais en distintos países. As dúas empresas australianas que anunciaron a adquisición, Rafaella Resources e Biscay Minerals, están de feito controladas por Starboard Global Ltd., unha compañía establecida nas Illas Virxes Británicas con oficinas en Hong Kong, en ambos os casos paraísos fiscais con lexislación mercantil que impide a transparecencia e así coñecer os titulares reais das empresas.
Startboard Global, que tamén adquiriu en 2018 a mina de Varilongo (en Santa Comba), mediante outra empresa con sede en Hong Kong, Starboard GTT Holdings Ltd., está especializada na monetización de operacións mineiras usando estratexias de cotización pola porta traseira (“back-door listing”), polas que adquire empresas cotizadas de modo a evitar os requisitos dos reguladores bursátiles para conseguir entrar nos mercados.
Estes antecedentes fan improbable que a nova propietaria poida ou queira asumir as responsabilidades ambientais da mina de San Finx, que ameaza en converterse nun novo Monte Neme, mina abandonada á súa sorte e que precisamente está sendo obxecto doutro proceso xudicial contra os funcionarios da Xunta que permitiron que a empresa se fose desa explotación de estaño e volframio sen restaurar.
Startboard Global está implicada en ducias de proxectos de dubidosa reputación, incluíndo proxectos de extracción de carbón, ouro, cobre e petróleo en Mongolia a través de Haranga Resources Ltd e Haranga Khuder LLC, empresa expulsada da bolsa australiana en 2020 por incumprimentos legais, ou a propia mina de Varilongo en Santa Comba, sobre a que Augas de Galicia mantén un procedemento sancionador por vertidos e contra a que se ven seguindo un proceso penal por presuntos delitos contra o medio ambiente.
Anuncio de adquisición da Mina de San Finx