A solidariedade galega coa Palestina anuncia unha nova vaga de mobilizacións
- A Coordenadora desenvolveu un acto en Pontevedra e aproveitou para facer balance das máis dun milleiro de protestas que tiveron lugar en 2024
A solidariedade galega co pobo palestino anunciou hoxe que porá en marcha unha nova vaga de mobilizacións por todo o país ao longo do ano, comezando o vindeiro 20 de xaneiro con protestas nas principais cidades e vilas. A Coordenadora Galega de Solidariedade coa Palestina celebrou esta mañá un acto en Pontevedra no que aproveitou para facer balance das máis dun milleiro de accións que tiveron lugar o ano pasado en Galiza para esixir a fin do xenocidio en Gaza.
Representantes do colectivo deron lectura a un manifesto na Praza da Ferrería no que renovaron o seu compromiso coa causa palestina e denunciaron “a salvaxe impunidade do “Estado fabricado de Israel, capaz de cometer todos os crimes en nome do neocolonialismo e do imperialismo e a vergoñenta inacción dunha comunidade internacional que enche a boca de palabras baleiras e invoca valores, ética, liberdade, democracia e promesas, mais que chama vítima ao verdugo e terrorista a quen defende a súa terra e a súa vida”.
Lembraron que van xa 15 meses desde que a resistencia palestina rompeu o cerco “inhumano” de Gaza e o “criminal” réxime israelita decidiu responder iniciando unha ofensiva total, matando máis de 45.000 persoas (17.000 crianzas incluídas), e estendendo “o terror e as mortes” ao resto da Palestina ocupada. “O balance é terríbel, mais tamén demostra que Israel non pode gañar: eses 15 meses de covardía e ignominia, de xenocidio televisado, son tamén 15 meses de digna resistencia das organizacións palestinas e da súa poboación, que se nega a desaparecer en silencio. Son 15 meses nos que a causa da Palestina se tornou, de novo, en causa de toda a humanidade. A causa antiimperialista e anticolonial que leva 76 anos sendo”.
Incidiron en que ao longo de 2024 esa resistencia deixou claro que Israel non conseguirá ningún dos seus obxectivos. “E moito menos o obxectivo real: acabar coa Palestina e co seu pobo”. Ao tempo que sinalaron que a impotencia do réxime sionista é tan evidente que, nos últimos meses, ademais de continuar os masacres diarios contra o a poboación civil e a destrución das infraestruturas vitais de Gaza, Israel invadiu tamén o Líbano, bombardeou o Iemen, cometeu asasinatos políticos contra autoridades iranianas e atacou sistematicamente Siria e os seus intereses. “Israel necesita desesperadamente crear unha situación de guerra rexional e caos que lle permita continuar traspasando todos os limites sen ficar exposto á repulsa dos pobos do mundo”.
Mobilización permanente
Mais salientaron o feito de que estes 15 meses foron, tamén, 15 meses de mobilización permanente por todo o planeta: “unha demostración de que, alén de gobernos a ollar para outra parte, o mundo está do lado da Palestina”. Especialmente no noso país, onde un milleiro de mobilizacións tiveron lugar en todas as comarcas ao longo deste tempo, “nun esforzo mobilizador sen precedentes que demostra que o pobo galego sempre soubo identificar os agresores e os agredidos e colocarse do lado certo da historia e do lado da humanidade”.
Mobilizacións que se sucederon mentres a Unión Europea “soña con xardíns e fronteiras e vive paralizada á espera das instrucións que cheguen desde os Estados Unidos, que mandan centrar a atención na Ucraína e esquecer o resto”. E mentres o Goberno español “continúa a gabarse de recoñecer o estado palestino como se fose un grande avanzo; un recoñecemento, que como xa sabiamos e denunciamos, non significou nin unha soa acción concreta para prestar apoio á Palestina nin para romper lazos con Israel”.
Ao contrario, o Goberno español continúa a “mentir descaradamente, preservando e aumentando os seus negocios cos xenocidas mentres fai declaracións tan grandilocuentes como inocuas que só demostran, das dúas unha: que quen manda non está en Madrid, ou entón que as palabras de Pedro Sánchez son tan hipócritas como as do resto de dirixentes da autoproclamada comunidade internacional”.
En canto ao Goberno galego, censuraron que o presidente da Xunta “se peche” en San Caetano “e mande” á televisión e á radio públicas“silenciaren” as mobilizacións que se estenden por todo o país. “O presidente de Galiza nin sequera se dignou a responder a solicitude de reunión que fixemos desde a Coordenadora, porque nin el nin o seu Goberno ten ningún interese en que a Galiza teña unha posición institucional ao respecto dun xenocidio en curso”.
Finalmente, renovaron o seu compromiso de non deixar de falar nunca da Palestina mentres non sexa libre. “Dixémolo centos de veces e dirémolo de novo as veces que cumpra no 2025: Galiza con Palestina! Do río ao mar, Palestina vencerá!”.