Ana Pontón avanza que o BNG tentará impulsar no Congreso un proxecto de lei que permita derrogar a reforma laboral do PP
- “Dóeme dicilo pero o que se aprobou deixa intacto o núcleo duro desa reforma cando había unha maioría para cambialo e PSOE-Podemos non quixeron”.
- Tilda de “esperpento” o vivido na Cámara baixa, que ademais evidencia que non hai alternativa de progreso fora do bloque da investidur.
A portavoz nacional, Ana Pontón, lamenta a oportunidade perdida para derrogar a reforma laboral de 2012 pero avanza que o BNG non se rende no seu obxectivo de recuperar os dereitos laborais roubados coa norma do PP e avanza que vai impulsar unha proposición de lei no Congreso con ese obxectivo.
“O BNG non vai tirar a toalla e podo adiantar que o Bloque está falando con outras forzas políticas que querían a derrogación íntegra da reforma do PP para presentar un proxecto de lei que avance nesa dirección, que permita recuperar os 45 días de indemnización por despido, os salarios de tramitación ou a autorización administrativa dos EREs e, en definitiva, cumprir co prometido poñendo fin a reforma do PP”, avanzou Pontón en declaracións a emisora Si Radio Ponteareas, concello onde estivo hoxe en visita institucional.
A líder nacionalista criticou que nun asunto de tal envergadura o Goberno de PSOE-Podemos se empeñase en privar ao Congreso da posibilidade de formular propostas. “Hoxe é igual de barato e de fácil despedir a un traballador ou a unha traballadora que cando gobernaba o PP, é así de grave e de triste, e ante unha reforma de tal envergadura furtar ao Congreso, onde reside a soberanía popular, de mellorar a proposta é un erro sobre o que o Goberno debe reflexionar”, argumentou.
“Lamentablemente, e dóeme dicilo, o que se aprobou onte no Congreso deixa intacto o núcleo duro da reforma laboral do PP cando había unha maioría para cambialo, pero PSOE e Podemos non quixeron facelo”, subliñou.
En relación ao resultado da votación, a líder nacionalista cualificou de “esperpento” o sucedido, pero a cuestión de fondo é que evidenciou “que non hai alternativa ao bloque da investidura”, por tanto, o Goberno debe “esforzarse en negociar e cumprir os seus compromisos”. “Desde o BNG imos ter sempre a man tendida pero para que se cumpran os compromisos e para que se cumpra con Galiza, que non foi o que pasou onte”, alegou.
A portavoz nacional destacou a importancia de que as forzas progresistas lle demostren á cidadanía que teñen un programa “transformador” que vai deixar atrás as políticas do PP, “porque a preguntan que se fai moita cidadanía é por que habendo unha maioría que permitiría que non haxa barra libre no despido ou que non sexa tan barato, recuperar a autorización administrativa dos EREs ou mellorar as condicións laborais a través de convenios galegos, PSOE e Podemos rexeitaron esa posibilidade”, afondou Pontón.
Para a líder do BNG, os apoios de Cds, da propia ex ministra de Traballo popular Fátima Baños ou da expresada pola gran banca a través de Ana Patricia Botín son “bendicións” que confirman que non se tocan os elementos centrais da “abrasiva” contrarreforma laboral de 2012. “A cidadanía votou a favor dun cambio e non estamos no momento de baixar o listón senón de subilo, porque hai miles de galegos e galegas en precariedade aos que hoxe é igual de barato despedir”, concluíu.