Redacción •  Galicia •  05/04/2024

A CIG presenta conflito colectivo na AEAT para reactivar a carreira profesional e frear a perda de poder adquisitivo do persoal

A Confederación Intersindical Galega (CIG), sindicato maioritario na Administración do Estado en Galiza, canda outras organización sindicais, vén de interpoñer un conflito colectivo diante da Dirección Xeral da Axencia Tributaria (AEAT).

A CIG presenta conflito colectivo na AEAT para reactivar a carreira profesional e frear a perda de poder adquisitivo do persoal

O conflito, declarado coincidindo co inicio da campaña da renda, persegue negociar o desenvolvemento e a execución do acordo de carreira, aprobado no ano 2007 e sen aplicar. Neste sentido, demándase aplicar sucesivamente a carreira horizontal, implantar a carreira vertical, impulsar a promoción interna e combinar o traballo a distancia co acordo de mobilidade para achegar o funcionariado galego ao país.

Canda a negociación do teletraballo, o conflito declarado pola CIG e as demais organizacións sindicais busca a negociación dun novo convenio colectivo para o persoal laboral da AEAT e a negociación dos criterios de reparto das bolsas de produtividade dado que, actualmente, o sistema implantado pola Dirección da AEAT beneficia ao colectivo de inspectores/as de Facenda sobre a maioría do persoal da Axencia Tributaria.

Ademais, a representación da CIG demanda tamén melloras das condicións laborais para o Servizo de Vixilancia Aduaneira, catalogándoo como profesión de risco e reforzando os medios materiais e humanos deste. Neste sentido, hai que destacar a precariedade de medios das bases marítimas galegas, poñendo como exemplo o barco da base de Muros con máis de 40 anos de antigüidade.

Exixencia de negociación do servizo de atención telefónica polas tardes

A CIG demanda tamén un verdadeiro proceso de negociación para a posta en funcionamento do denominado “novo modelo de información e asistencia” que supoñerá a atención telefónica até ás 19h, segundo anunciou a ministra en sede parlamentar, mais sen concretar as retribucións nin regular os postos de traballo que o prestarán.

Advirten desde a CIG que de non reforzarse o cadro de persoal da AEAT, as persoas que presten servizos polas tardes na atención telefónica serán retiradas doutras actividades, nomeadamente das dirixidas á loita contra a fraude fiscal, un cometido esencial do que non deberan restarse efectivos.

Frear a perda de poder adquisitivo do persoal da AEAT

A CIG denuncia que o persoal que traballa nas administracións públicas sufriu unha perda de poder adquisitivo dun 18,77% nos últimos trece anos. Censura que o Goberno de PSOE e Sumar pretenda suplir medidas destinadas a reducir este deterioro -como a aplicación do acordo de carreira- con pagos de produtividade: un complemento das retribucións que non consolida o persoal e que pode ser retirado en calquera momento polos superiores xerárquicos ou por un cambio de criterio por parte da Dirección da AEAT.

Para a representación da CIG resulta inadmisíbel que se lle estea furtando ao persoal da AEAT o dereito a unhas retribucións dignas mentres se lle exixen máis e novas funcións, asumir cargas de traballo cada vez maiores debido á redución do número de efectivos e, como única contrapartida, se lle dá “unha propina” en concepto de produtividade. Critican que se estea a precarizar as condicións de traballo na AEAT, unha organización que se di fulcral para o funcionamento do Estado polo seu papel contra a fraude fiscal e o narcotráfico.

Avanzan mobilizacións se non se cumpren os acordos

Por iso, coa interposición do conflito, a CIG e o resto de sindicatos pretenden poñer de manifesto a precarización das condicións de traballo na AEAT e adiantan que, no caso de que a Dirección da AEAT non cumpra os acordos e compromisos adquiridos e sente negociar, levaranse adiante diversas medidas de presión que van desde contactos cos grupos parlamentares á realización de concentracións, manifestacións ou peches en dependencias da AEAT, sen descartar a convocatoria de folga mesmo durante a campaña de renda.


Agencia Tributaria /