Redacción •  Galicia •  05/06/2021

A alcaldesa da Bola nega información ao BNG amparándose en leis derrogadas

  • O BNG interpón un recurso de reposición contra a decisión de Teresa Barge de impedir o acceso a un informe xurídico que encargou o Concello sobre a policía local.
  • No último pleno, interpelada pola portavoz nacionalista, a alcaldesa dixo que facilitaría o documento e agora négase.
A alcaldesa da Bola nega información ao BNG amparándose en leis derrogadas

A alcaldesa da Bola, Teresa Barge, amparouse na Ley 30/1992, de 26 de noviembre, de Régimen Jurídico de las Administraciones Públicas y del Procedimiento Administrativo Común derrogada hai anos, para denegar o acceso do BNG á documentación do Concello.

Vanesa García, portavoz do BNG na Bola, presentou esta semana un recurso de reposición contra esa decisión, sinalando que a lei na que basea a súa negativa a Alcaldía “non forma parte do ordenamento xurídico español”, polo que a norma que motivan a adopción do acordo da Alcaldía fan “o seu contido imposible e carente do procedemento legal establecido”.

No último pleno ordinario, interpelada pola portavoz nacionalista, a alcaldesa dixo que o informe xurídico que solicitou o Concello da Bola sobre a posibilidade de crear un corpo de policía municipal estaba a disposición dos grupos.

O BNG considera que, despois da solicitude de acceso a información por parte da portavoz nacionalista, e malia ter feito as afirmacións anteriores no pleno, Teresa Barge falta agora a súa palabra e nega o acceso a esta documentación.

A alcaldesa mentiu na súa resposta ao BNG no pleno –gravado e publicado polo BNG en redes sociais– ou minte na súa resposta posterior á solicitude de acceso das nacionalistas o documento na que di: “o Concello non encargou un informe xurídico, se ben pode que a concelleira se refira a algún tipo de informe xurídico interno (da secretaría-intervención) que se emiten a solicitude da Alcaldía e a secretaria emite de forma obrigada e conforme á normativa estatal de aplicación”.

“En calquera caso”, continúa o escrito da Alcaldía, “non sabemos a motivación concreta e circunstanciada do que se solicita, por solicitarse un informe xurídico. Os informes xurídicos limítanse a indicar e ilustrar sobre un determinado asunto a normativa de aplicación”. E conclúe: “A maiores indicamos que as preguntas formuladas no anterior pleno foron respondidas todas eles, e o desgraciado incidente [o caso do “falso policía local”] atópase sub iudice”.

O BNG pide rigor á Alcaldía

O escrito da Alcaldía contén máis erros grosos. O BNG solicitou unha copia do regulamento de protección civil do Concello de A Bola co fin de coñecer cales son as competencias da alcaldesa para contratar persoal para este servizo, como a propia Teresa Barge recoñeceu que fixo no caso do “falso policía local”. Mais a Alcaldía denega esta información apelando a outra normativa xa derrogada, a Lei 3/2000, de 22 de decembro, de Voluntariado de Galiza.

No escrito de reposición as nacionalistas piden a nulidade dos acordos tomados pola Alcaldía e que se facilite o acceso á información solicitada.

Alén diso, o BNG da Bola esixe transparencia a Teresa Barge, que diga a verdade nos plenos por respecto á veciñanza e que actúe con rigor no que se refire ao cumprimento das normas básicas de funcionamento da Administración local, porque, do contrario, determinados procedementos poderían ser nulos coa inseguridade xurídica que iso provoca.


BNG /  política municipal /