Redacción •  Galicia •  05/06/2022

Ana Pontón reclama ao Goberno do PP que escoite á cidadanía, deixe de abrazar ás eléctricas e free o boom eólico depredador

  • Mudar este boom especulativo por un modelo enerxético sustentable e que beneficie a Galiza, entre os temas que levará mañá á súa reunión con Rueda.
Ana Pontón reclama ao Goberno do PP que escoite á cidadanía, deixe de abrazar ás eléctricas e free o boom eólico depredador

A portavoz nacional, Ana Pontón, reclama ao Goberno do PP que “deixe de abrazar ás eléctricas” e escoite o que está dicindo a cidadanía galega nas rúas “que é que non quere un boom eólico que destroza o noso territorio”, que vai “en contra do desenvolvemento sustentable do País” e “que tamén ameaza a produción de alimentos nun momento no que, se algo nos quedou claro nesta crise, é que necesitamos soberanía alimentaria”.

“Esta é a mensaxe que a xente deste País leva lanzando dunha forma contundente nos últimos tempos e pedímoslle ao PP que escoite o que hoxe tamén lle din os galegos e as galegas na rúa”, afirmou na manifestación en Santiago en contra do boom eólico especulativo e depredador convocada pola coordinadora Eólica, así non e na que participou xunto a unha destacada delegación do BNG.

Neste sentido, Pontón reiterou que esta cuestión será un dos temas que abordará na súa reunión de mañá co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, como parte da axenda de prioridades ás que o BNG entende que o Goberno galego debe dar resposta.

“Unha das propostas é frear este boom eólico depredador e especulativo, porque estamos ademais no momento adecuado xa que moitos destes parques estanse tramitando agora”, incidiu, para concluír que, polo tanto, é agora “cando hai que parar este boom eólico depredador e sentarse a planificar un desenvolvemento enerxético que sexa sustentable, que respecte o medio rural e que deixe beneficios no País e non nos consellos de administración das eléctricas como pasa na actualidade”.

Pontón incidiu en que esta nova mobilización contra o modelo eólico da Xunta, celebrada nesta ocasión coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, deixa unha “mensaxe clara” tanto ao Goberno galego como ás eléctricas que están poñendo en marchas un boom eólico depredador: “Galiza non pode soportar un novo ataque ao seu territorio, un novo ataque ao medio rural”, advertiu, para engadir a continuación que o que estamos vendo “é que detrás de todos estes proxectos macroeólicos hai un interese por continuar co espolio e coa depredación de toda a vida, ao que algúns lle queren poñer a etiqueta verde, pero non coa”.

Así, indicou que esta etiquetaxe non coa entre a cidadanía “porque hai un movemento de norte a sur de todo o País, de revolta contra este boom eólico depredador que está deixando moi claro que non imos aceptar un modelo eólico que supón a depredación do territorio”, un modelo que, segundo recalcou para concluír, “o único que busca é que o lobby eléctrico siga facendo negocio e especulando”.


Economía /  energía eólica /