A Plataforma ‘A Auga é Vida’, satisfeita coa exclusión da Cidade Deportiva do Celta dos premios da Bienal de Arquitectura
Asociacións veciñais, traídas de augas e colectivos ecoloxistas reclamaran a retirada do proxecto da lista de finalistas.
A organización da XV Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo (BEAU) deu a coñecer os vinte proxectos premiados no certame e a Cidade Deportiva do R.C. Celta quedou, finalmente, excluída da lista de gañadores. A noticia foi recibida con satisfacción no seo da Plataforma ‘A Auga é Vida’ que reclamara a través de distintas canles a descualificación dun proxecto que contaba cun amplo rexeitamento social e numerosos informes técnicos desfavorables. Asociacións veciñais, traídas de augas e colectivos ecoloxistas remitiran, ademais, diversos escritos ao comisariado da Bienal advertindo sobre o carácter irregular das obras e os prexuízos para un espazo natural de enorme valor.
En todo momento, os colectivos implicados coa defensa do territorio mantiveron á organización alerta sobre as mobilizacións en contra destas obras e informaron puntualmente sobre a sentenza, emitida hai apenas unhas semanas, que anulaba as licenzas para iniciar a construción dun macrocomplexo deportivo e comercial que está fóra da lei. A urbanización duns terreos cualificados como “rústicos de protección forestal”, de acordo coa opinión da Plataforma e co que dita o propio sentido común, é incompatible cos valores de sustentabilidade que estes premios reivindican. Tal como se indicou nas reclamacións presentadas polas traídas veciñais de augas, a simple inclusión do proxecto poñía en cuestión o prestixio duns galardóns que teñen en conta nas súas bases criterios como “o territorio, a sociedade, a sustentabilidade e a colectividade”.
A dirección da Plataforma ‘A Auga é Vida’ entende que o traballo realizado por todas as partes implicadas foi decisivo á hora de descartar á Cidade Deportiva do Celta para estes premios. Tal como se puxo de manifesto en ocasións anteriores, “por respecto aos demais proxectos presentados, ‘Afouteza’ non merecía estar entre os candidatos”, xa que se trata dunha construción que “atenta contra a maneira de vivir e de sentir da comunidade”. O movemento veciñal vén denunciando, dende hai tempo, que se trata dunha operación urbanística especulativa incompatible co aproveitamento racional dos recursos hídricos e forestais, que implica a destrución dun ecosistema e despreza os usos tradicionais do territorio.