Redacción •  Galicia •  05/07/2024

A CIG chama a abandonar o falso debate sobre a redución da xornada laboral e urxe avances reais

Denuncia o intento de lexislar de xeito escurantista a través do ‘diálogo social’ e non nos organismos públicos, excluíndo a CIG e os sindicatos máis representativos e maioritarios.

A CIG chama a abandonar o falso debate sobre a redución da xornada laboral e urxe avances reais

A CIG considera necesario abandonar o «falso debate» aberto sobre a necesidade de reducir a duración da xornada laboral e urxe a introducir avances reais a través de “verdadeiros e atrevidos” cambios normativos que se poden e deben aprobar porque o conxunto do plural mundo sindical comparte esta reivindicación e porque existe unha maioría parlamentaria que o pode facer posíbel. A central denuncia que se estea a intentar lexislar de xeito escurantista a través do ‘diálogo social’ e dun “falso debate” que ademais está deixando fóra a sindicatos que, como a CIG, teñen a condición de máis representativos.

Para o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, o actual debate aberto por iniciativa do Goberno español na súa pretensión de reducir a xornada de traballo das actuais 40 semanais a 38,8 para este ano e a 37,5 en 2025 amosa o “ilexítimo e inxusto” que é chamado ‘diálogo social’ con CCOO e UGT e o “fracaso” de quen quere utilizar este mecanismo para intentar lexislar de xeito escurantista, “branqueando” unha “insignificante redución” da xornada. 

Na central entenden que é necesario favorecer a repartición do traballo e combater a precariedade laboral reducindo a xornada ás 35 horas semanais no camiño de ir aplicando a xornada semanal de catro días, a 32 horas á semana, xa que os avances tecnolóxicos e os cambios na xestión e organización do traballo fan posíbel reducir a xornada laboral, xerar máis riqueza social e avanzar na conciliación.

“A reivindicación de reducir a xornada ás 35 horas semanais levamos anos expresándoa, e dende xaneiro deste ano trasladámola aos centros de traballo no marco da campaña ‘Stop precariedade, traballo digno’”, lembra Carril. Tamén se aprobaron mocións en distintos Concellos en apoio desta proposta, entre outras reivindicacións.

Desde a CIG denuncian que estamos ante un novo capítulo desta “pantomima” do ‘diálogo social’ na que o Goberno español de PSOE e Sumar -de forma especial os Ministerios de Traballo e Seguridade Social- xunto a CCOO, UGT e a patronal “parecen ter diferenzas e prantexamentos contrarios, cando na realidade comparten modelo e contidos”.

Negociación «escurantista e ilegal»

Ao tempo desta negociación estanse a abordar outros importantes asuntos en materia de pensións sobre xubilación parcial e coeficientes redutores para anticipar a idade de xubilación, que a CIG ten denunciando en varias mobilizacións os pasados meses de abril e maio porque van no camiño de novos recortes. “Están negociando na dirección de seguir na inxustiza de prolongar a vida laboral, impedindo chegar á xubilación en condicións de poder gozala, imposibilitando con isto a entrada da xente nova ao mundo do traballo e cronificando a emigración e o paro xuvenil entre as persoas menores de 25 anos”. 

O máximo responsábel da central nacionalista censura que todas estas negociacións se están a dar de forma “escurantista e ilegal” no chamado ‘diálogo social’, fóra dos organismos oficiais de representación institucional tripartita, “sen respectar os dereitos de representación que temos sindicatos máis representativos e maioritarios, como a CIG”.

Por iso dende a central esixen “luz e taquígrafos” e demandan “transparencia e respecto” nestas negociacións. “Non podemos permitir que, unha vez máis, aproben pola porta de atrás novas medidas e reformas que, cheas de propaganda, agochan recortes de dereitos e non dan solución ás reivindicacións que dende hai anos vimos esixindo”.


jornada laboral /