CIG-Correos denuncia que hai centros de traballo de Correos, na comarca de Compostela, sen servizo de limpeza
- Son oficinas de atención ao público e Unidades de Reparto onde traballan carteiros e carteiras.
A CIG-Correos tivo coñecemento da situación na que se atopan varios centros de traballo da comarca de Compostela a causa da falta do servizo de limpeza que soportan desde hai días. Trátase de Oficinas con atención ao público e Unidades de Reparto onde traballan carteiros e carteiras a diario.
A CIG-Correos denuncia que sendo lugares con elevado número de clientes, non é apropiado abrir ao público as oficinas cos locais en malas condicións de hixiene, “nin é digno para as persoas que traballan nas Unidades de Reparto levar a cabo as súas tarefas en espazos que día tras día se alonxan da salubridade”.
Segundo a delegada de Correos, Ana Pintos, “isto non é un feito aillado”. No pasado mes de xullo os compañeiros e compañeiras da CIG-Correos en Vigo formalizaron unha denuncia perante a Inspección de Traballo, despois de reiteradas reclamacións á empresa para que solucionara o tema da falta de limpeza nas instalacións do Pavillón Postal da cidade.
Por iso a CIG-Correos Compostela reclama unha intervención inmediata para pór fin a unha situación “totalmente impresentable”. Situación que, en opinión de este sindicato, “deriva da contratación do servizo de limpeza á baixa por parte de Correos”.