Redacción •  Galicia •  05/10/2024

A sección sindical da CIG cualifica de «burla» ao persoal e á comarca o acto polos 120 anos da fábrica de Cee

  • Critican a dilixencia do presidente da Xunta, a conselleira de Industria,os alcaldes da comarca ou o presidente da Deputación para sumarse a este acto, mentres continúan sen dar resposta ás demandas da CIG, e sen exixirlle a XEAL que cumpra coas cláusulas de vinculación da actividade industrial e de produción de enerxía.
A sección sindical da CIG cualifica de «burla» ao persoal e á comarca o acto polos 120 anos da fábrica de Cee

A sección sindical da CIG en XEAL cualifica de «impresentábel» e de «burla» a toda as traballadoras e traballadores o acto propagandístico realizado pola empresa con motivo da conmemoración dos 120 anos da fábrica de Cee. Denuncian o respaldo político dado a este evento publicitario, cando a empresa (grupo Energo-Pro) está incumprindo as cláusulas das concesións e levando a ambas factorías a súa ruína total.

Neste sentido, critican a dilixencia do presidente da Xunta, a conselleira de Industria,os alcaldes da comarca ou o presidente da Deputación para sumarse a este acto, mentres continúan sen dar resposta ás demandas da CIG, e sen exixirlle a XEAL que cumpra coas cláusulas de vinculación da actividade industrial e de produción de enerxía.

A sección sindical lembra que dende a operación de compra-venda argallada no 2019 entre FerroGlobe e o fondo TPG-Ithaka, que deixou as fábricas de ferroalixes como unha maquila, téñense destruído 70 postos de traballo directos e arredor duns cen indirectos, ao que hai que engadir todo o emprego perdido nas industrias auxiliares. A produción das factorías está ao 20% da súa capacidade real, xa que só hai dous fornos operativos, e non existe un calendario de rearranque dos fornos.

Por se a situación non fora abondo complicada, a solicitude da empresa de construír unha central hidráulica reversíbel na Ruña (Concello de Mazaricos) constitúe unha segregación de facto das actividades, porque a produción desta instalación non está ligada á produción industrial e á creación e mantemento dos postos de traballo nas fábricas de Cee e Dumbría, tal e como establecen as cláusulas concesionais do río Xallas e a sentenza do TSXG.

De feito, advirte a sección sindical da CIG, «a solicitude administrativa para levantar esta central presentouse cun CIF distinto ao da nosa empresa, xa que se fixo a nome do fondo Feroe Ventures & Investments, que non está suxeito ás obrigas concesionais». Por iso, censuran o entusiasmo e o apoio manifestado no día de onte por Alfonso Rueda ao proxecto anunciado pola empresa, cando está incumprimento os termos concesionais e levando as fábricas ao seu total deterioro.

Fronte a isto, para garantir a continuidade produtivas das fábricas e os empregos, reclaman da Xunta de Galiza que poña en marcha un procedemento administrativo como o do ano 1992 e que se revisen os termos das concesións, de xeito que quede estipulado tanto o que é a actividade industrial como o número de traballadores e traballadores, en base a sentenza firme do TSXG de novembro de 2020.

Reiteran que as administracións teñen que actuar con dilixencia para impedir que a comarca se converta nun deserto industrial «mentres empresas estranxeiras sacan beneficios millonarios a conta de especular cos nosos recursos».


Sindicalismo /