Delegadas da CIG en residencias privadas de Ferrolterra entregan escritos en varios centros denunciando as condicións de traballo
- As representantes sindicais tamén lle remitiron unha copia á conselleira de Política Social.
Un grupo de delegadas da CIG en residencias de maiores privadas da comarca de Ferrolterra levou a cabo este venres día 3 unha acción reivindicativa que consistiu na entrega de escritos en varios centros denunciando as condicións de precariedade nas que teñen que desenvolver o seu traballo. As representantes sindicais tamén lle remitiron unha copia do documento á propia conselleira de Política Social, Fabiola Martínez.
Dende a central sindical explican que aproveitaron a proximidade do Día de Reis para facer entrega das cartas ás direccións dos centros Mensajeros de la Paz-Residencia de maiores Mi Casa, DomusVi Ferrol, DomusVi Laraxe e DomusVi Narón, ás que acusan de ter o persoal “escravizado” por salarios “indignos” que non permiten chegar a fin de mes.
Como exemplo citan o feito de que para atender a 47 persoas usuarias grandes dependentes “hai catro xerocultoras (ou cinco no mellor dos casos), que se teñen que encargar de asear, vestir, levantar e dar o almorzo en apenas dúas horas”.
Ademais, sinalan que o departamento de limpeza “non dá feito”, tendo en conta que nunha residencia con 135 persoas usuarias contan con catro traballadoras no servizo de limpeza na quenda de mañá, e dúas na de tarde. “Tamén poderíamos falar de como desenvolven o seu traballo outros departamentos como cociña, recepción ou lavandería, en condicións igual de lamentábeis”.
E iso que, tal e como explican trátase de centros ‘VIP’ ou de ‘primeira clase’ como as propias direccións os denominan, nos que as persoas residentes pagan unha media de 2500 euros ao mes por un cuarto compartido.
O que contrasta con como se trata a un persoal “que nin tan sequera pode enfermar porque é penalizado salarialmente”, o que fai que “teñamos que ir traballar enfermas, co risco que isto supón para a nosa saúde e para a das persoas usuarias”.
Mentres as grandes empresas transnacionais controladas por fondos de investimento que controlan o sector seguen a obter beneficios, até o punto de que os sete grandes grupos ingresaron 1664 millóns de euros. “Pero pouco ou nada lles importan as persoas maiores, que non son máis que números que engordan ás súas contas; pero a nós, que estamos no seu día a día, pártesenos a alma ao ver como se están a deteriorar os coidados que lles prestamos”.
Ao mesmo tempo, no escrito dirixido á conselleira citan unha problemática que se está a agravar nos últimos tempos, e que ten que ver coa transformación dos centros de maiores en psiquiátricos, xa que no último ano 3 de cada 10 novos ingresos foron de persoas menores de 65 anos con graves problemas mentais.
“Imaxina vostede un centro residencial, con persoal pouco ou nada formado nestas patoloxías, sen instalacións axeitadas, sen farmacoloxía apropiada, nos que se producen cada vez máis agresións tanto a persoas traballadoras como a usuarias?”.
Ao que hai que sumar que a partir de agora a presenza de persoal de enfermaría non será obrigatoria en todos os centros. “Pretenden que este traballo sexa asumido pola nova figura de persoal técnico avanzado, que non é mais que unha TCAE asumindo tarefas que non lle corresponden?”.
Por iso trasládanlle as súas demandas para o ano que vén de comezar “coa esperanza de que non caian en saco roto”. A primeira, ser tratadas como profesionais, “que o somos e das mellores”, e non como traballadoras “de terceira”.
Para o que é necesario contar cun convenio colectivo que contemple uns salarios dignos e unhas condicións laborais xustas “que nos permita vivir do noso traballo”. E poder desenvolver as súas funcións coa dignidade e o tempo “que os maiores merecen e precisan”.
Finalmente, instan a Xunta a deixar de “mercantilizar” os coidados, “privatizando e entregando as residencias a empresas amigas e a fondos voitres que están a converter as residencias en fábricas de precariedade laboral e penosidade”.