O ano comezou en Galiza cun incremento do paro e cunha caída da afiliación superiores á media estatal
En xaneiro rexistráronse 12.483 persoas afiliadas menos e 2482 paradas máis.
![O ano comezou en Galiza cun incremento do paro e cunha caída da afiliación superiores á media estatal](https://www.tercerainformacion.es/wp-content/uploads/2025/02/RecursoHosteleriaDatosEPAparo01-167aef57-950x0-c-default.jpg)
Galiza comezou o ano 2025 cun aumento do desemprego do 2,1% (2482 persoas paradas máis) e cunha caída da afiliación á Seguridade social do 1,2% (12.483 afiliadas menos), datos superiores aos rexistrados no conxunto do Estado. Este peor comportamento do mercado laboral galego cebouse especialmente coas mulleres, até o punto de que o 77% das novas persoas desempregadas son mulleres
As estatísticas publicadas hoxe polo Servizo de Emprego Estatal (SEPE) amosan que na media estatal o incremento do desemprego foi do 1,5%,mentres que a caída da afiliación á Seguridade Social situouse no 1,1%. Esta baixada da afiliación rexistrouse nas catro provincias galegas, aínda que con maior incidencia na Coruña e Pontevedra. E produciuse maioritariamente no réxime xeral, no que a baixada foi do 1,3%.
Persoas paradas por provincia.
Persoas paradas | Variación | |||
Decembro | Xaneiro | Absoluta | % | |
A Coruña | 46.765 | 47946 | 1181 | 2,5% |
Lugo | 11.810 | 12021 | 211 | 1,8% |
Ourense | 14.242 | 14389 | 147 | 1,0% |
Pontevedra | 46.021 | 46964 | 943 | 2,0% |
Total | 118.838 | 121.320 | 2482 | 2,1% |
Fonte: SEPE.
Afiliación á SS por provincias.
Afiliación á SS | Decembro | Xaneiro | Variación | |
Absoluta | % | |||
A coruña | 471195 | 465929 | -5266 | -1,1% |
Lugo | 125196 | 123954 | -1242 | -1,0% |
Ourense | 106744 | 105913 | -831 | -0,8% |
Pontevedra | 376436 | 371292 | -5144 | -1,4% |
Total | 1.079.571 | 1.067.088 | -12.483 | -1,2% |
Fonte: SS.
Ao mesmo tempo, a caída afectou aos contratos temporais, independentemente do tipo de xornada, e aos fixos descontinuos, mentres que os indefinidos mantivéronse. Isto ten que ver co feito de que a práctica totalidade da suba do paro concentrouse no sector servizos, precisamente o que conta co emprego máis precario e menos estábel.
Os datos amosan unha vez máis a pertinencia das reivindicacións da CIG en materia de emprego e na necesidade dun novo modelo económico. “Precisamos un modelo con maior peso de actividades estábeis e con mellores condicións laborais; como a industria, que debera representar o 20% do PIB, e que hoxe atinxen arredor do 16%”, segundo sinala o secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria da CIG.
Xa que o actual modelo da Xunta do PP -baseado no turismo e na hostalaría, con condicións precarias, baixos salarios e traballo extensivo- condena a xente moza á emigración e penaliza especialmente as mulleres. “Esta inestabilidade do emprego fai que unha vez rematada a campaña de Nadal ligada ao sector Servizos se produza un medre do paro, que afecta especialmente as provincias costeiras e aos contratos fixos descontinuos e a tempo parcial”.
Persoas paradas segundo sexo.
Variación | ||||
Sexo | Decembro | Xaneiro | Absoluta | % |
Homes | 50.678 | 51.237 | 559 | 1,1% |
Mulleres | 68.160 | 70.083 | 1923 | 2,8% |
Total | 118.838 | 121.320 | 2482 | 2,1% |
Fonte: SEPE.
Persoas paradas segundo sector económico.
Variación | ||||
Sectores | Decembro | Xaneiro | Absoluta | % |
Sector primario | 3769 | 3768 | -1 | 0,0% |
Industria | 11.532 | 11.550 | 18 | 0,2% |
Construción | 7827 | 7796 | -31 | -0,4% |
Servizos | 84.772 | 87.207 | 2435 | 2,9% |
Sen emprego anterior | 10.938 | 10.999 | 61 | 0,6% |
118.838 | 121.320 | 2482 | 2,1% |
Fonte: SEPE.
En canto ás medidas en materia de emprego que a central sindical reclama, Sío sinala a necesidade de que a redución da xornada laboral camiñe cara as 35 horas semanais. “E no caso dos sectores dixitalizados hai que ir a unha xornada de catro días á semana, xa que as novas tecnoloxías van provocar que se precise menos xente para desenvolver o mesmo traballo, o que fai necesario implementar medidas de reparto do emprego”.
Mais tamén a derrogación da reforma laboral de 2012 en todo o que ten que ver co despedimento e co poder que teñen as empresas para modificar as condicións de traballo. E a de 2021, xa que o único que fixo foi cambiar as modalidades de contratación, pero non foi quen de garantir maiores dereitos laborais nin uns salarios que permitan vivir dignamente.