Redacción •  Galicia •  06/03/2025

BNG presenta a campaña do 8M baixo o lema ‘Nin medo, nin vergoña’ reivindicando o feminismo combativo e antifascista

Pontón: “Fronte ao rearme do machismo e do neofascismo, só hai unha resposta posible: máis feminismo, máis mobilización e máis unión das mulleres”.

BNG presenta a campaña do 8M baixo o lema ‘Nin medo, nin vergoña’ reivindicando o feminismo combativo e antifascista

O BNG presentou a campaña que desenvolverá con motivo do 8M reivindicando o feminismo combativo, rebelde e antifascista fronte á onda reaccionaria machista e neofascista que está emerxendo na actualidade.

Así o explicou a portavoz nacional, Ana Pontón, quen presentou a campaña xunto á responsable de Acción Feminista, Noa Presas, e á autora da súa imaxe gráfica, a creadora Lúa Mosquetera, a quen felicitou e agradeceu o seu traballo á hora de plasmar nunha “imaxe moi potente” a mensaxe do Bloque.

“Porque este 8M desde o BNG queremos lanzar unha mensaxe moi clara: fronte ao rearme do machismo e do neofascismo en todo o mundo, nin medo, nin vergoña, senón orgullosamente feministas para defender os dereitos das mulleres e a igualdade real”, explicou Pontón, quen advertiu que fronte ao contexto de reacción contra o avance das mulleres que as pretende levar cara atrás, “só hai unha resposta posible: máis feminismo, máis mobilización e máis unión das mulleres pola igualdade”.

A líder nacionalista dirixiuse a aqueles que “pensan que poden borrar os nosos dereitos”, que poden “decidir sobre os nosos corpos” ou que “queren taparnos a boca porque din que calados estamos máis guapas”. Ante todos os que queren levar ás mulleres “para atrás na historia”, reivindicou a defensa firme dos seus dereitos e liberdades porque o feminismo é precisamente iso, “liberdade, igualdade, xustiza e tamén antifascismo”.

“A todos os Trump, Musks, Abascales, Mileis, Orbans… a todos os que, coma eles, pensan devolvernos o pasado, este 8M temos algo que dicir: nin medo, nin vergoña”, sintetizou.

Así advertiu sobre o perigo dunha “onda reaccionaria” que quere ameazar todos os dereitos conquistados polas mulleres e que, “da man dese neofascismo”, cuestiona avances que se consideraban conquistados, como o dereito a decidir sobre o propio corpo, ou pretende manter as desigualdades salariais e os roles discriminatorios, como no ámbito dos coidados, onde “se quere que as mulleres sigan sendo as eternas coidadoras e que as institucións públicas non asuman as súas responsabilidades”, subliñou.

Neste sentido, tamén recordou o xeito no que se pretenden “perpetuar eses roles” cando “se fai negocio con algo tan sensible como a violencia machista”, privatizando os servizos de atención ás vítimas, tal e como fai “o Partido Popular en Galiza”, incidiu.

A portavoz do BNG considerou que o avance desta onda reaccionaria, dentro e fóra, está fomentando un discurso que “branquea e mesmo ensalza o machismo” e que, ademais, ten por obxectivo “rebaixar as expectativas” na defensa dos dereitos e liberdades das mulleres, cuestionando “a loita feminista pola igualdade”, con ese tan manido “están indo demasiado lonxe”.

“Como imos ir demasiado lonxe cando sigue existindo violencia de xénero e acoso sexual? Como imos ir demasiado lonxe cando vemos como se perpetúan as diferenzas salariais entre homes e mulleres? Ou como se pode dicir que imos demasiado lonxe cando o rostro da pobreza sigue sendo o da muller?”, reflexionou.

Neste contexto, avogou por ir máis rápido e seguir avanzando na conquista de dereitos e liberdades ante un “machismo rancio, recalcitrante e estrutural” que agora está utilizando as redes sociais para “amplificar a súa mensaxe”, o que enmarcou no obxectivo claro de “desacreditar o feminismo” dado o seu “carácter transformador”.

“Saben que somos o freo de contención fronte a toda esa ola reaccionaria que quere avanzar e perpetuarse en todo o mundo”, recalcou para subliñar a continuación precisamente no énfase da campaña do BNG para reivindicar un feminismo “rebelde, activo, reivindicativo e orgulloso da historia das mulleres na defensa dos avances sociais”.

Orgullo que Pontón focalizou nun movemento feminista que fixo posible “que cheguemos até aquí” e que neste 8M vai volver “tomar as rúas de Galiza e de todo o mundo” para dicirlles alto e claro “aos que pretenden levarnos cara atrás” que “nin medo, nin vergoña”, senón “máis feminismo, máis unión das mulleres na loita pola igualdade e máis avance” que é o que, concluíu, “necesita a humanidade neste momento”.

Resposta aos bulos machistas do PP

Neste sentido e a preguntas dos xornalistas, a portavoz nacional rexeitou entrar “na campaña de bulos” que o PP está a desenvolver contra a súa persoa e contra o Bloque negando que se posicionara sobre as críticas nun cartaz á conselleira de Política Social.

“O que está claro é que o Partido Popular non quere entender o que xa dixen, entre outras cousas, porque lle importan un bledo os dereitos das mulleres, ese é o problema de fondo”, afirmou para repetir a continuación o que xa dixera dende o primeiro minuto sobre este tema.

“Eu entendo que as mulleres en política, igual que aos homes, hai que criticarnos polas nosas actuacións no marco político e calquera outra crítica creo que está fóra de todo lugar porque, como xa dixen e volvo a repetilo -aínda que dá igual porque o Partido Popular non quere entender-, ás mulleres en política hai que criticarnos polas nosas actuacións políticas e non por calquera outra consideración”, reiterou.

“A min, nunca ninguén me vai a ver criticando a unha muller polo que fai na súa vida privada ou por como viste”, subliñou para advertir que o que desde logo non lle vai aceptar ao PP son “leccións de feminismo”.

Pontón afirmou que con esta campaña de bulos o que demostra o PP é que “lle importan un bledo” os dereitos das mulleres e tamén que “está realmente obsesionado co BNG e coa súa portavoz nacional”. “Son as súas obsesións, non as miñas”, recalcou ante a que definiu como “campaña permanente de oposición ao BNG e á súa portavoz nacional”.

Neste liña, considerou “sorprendente” que o Goberno do PP, “na vez de ofrecerlle propostas en positivo ás mulleres neste 8M”, o único que fai “é montar un bulo, neste caso contra a portavoz nacional do BNG”. “Retrata moi ben como entende o Partido Popular as políticas de igualdade”, concluíu.    

Campaña mobilizadora ante calquera intento de retroceso

Pola súa parte, e logo de afondar na liña creativa utilizada na imaxe gráfica da campaña, Lúa Mosquetera destacou os avances logrados polo feminismo e advertiu que agora é “o momento de non ir para atrás” nin de ter “medo ou vergoña” ante o intento do neofascismo de infundir o “acovardamento” da sociedade e, particularmente, das mulleres.

“Por iso utilizamos na gráfica unha esvástica, como elemento que todo o mundo relaciona con este momento que estamos vivindo de partidos de ultradereita, de medo xeneralizado, de ondas fascistas, un elemento que representa moi ben todo iso que queremos desbotar”, explicou.

Nesta liña, Noa Presas resaltou a aposta do BNG neste 8M por unha campaña “mobilizadora”, que apela a ese “sentimento de mobilización antifascista que sempre tivo o feminismo”, nun contexto no que hai “tantas ameazas enriba da mesa” e tanto “risco de retroceso” co “rearmamento do machismo e do patriarcado”.

Unha campaña na que, explicou, o Bloque optou da man de Lúa Mosquetera por unha proposta gráfica na que se recolle a carraxe das mulleres fronte a esa deriva machista e neofascista, pero tamén a fortaleza que senten as feministas galegas para facerlle fronte. “Porque, ao final, un pouco a nosa reflexión é esa, que somos fortes e imparables, que sempre o feminismo historicamente e con moita forza en Galiza respondeu a grandes ameazas e grandes retrocesos con fortaleza e imos seguir facéndoo”, concluíu.  


8M /