A CIG rexeita un novo acordo de “moderación salarial” que empobrece aínda máis á clase traballadora
- Paulo Carril denuncia “a grave renuncia” que supón por parte de CCOO e UGT e cualifica o diálogo social de “auténtica fosa para enterrar dereitos”.
A CIG manifesta o seu máis rotundo rexeitamento ao acordo que veñen de asinar CCOO e UGT coa CEOE, que confina os incrementos salariais nun 4% para este ano e nun 3% para os anos 2024 e 2025. Pendente de coñecer con detalle todos os termos, a central sindical denuncia xa que coa imposición da moderación salarial impídese a recuperación do poder adquisitivo dos salarios e aboca á clase traballadora a un maior empobrecemento, xusto no momento no que as empresas acumulan os maiores beneficios.
Así o expresa o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, para quen “estamos diante un mal acordo” que supón unha “renuncia grave” por parte de CCOO e UGT “mesmo das súas propias propostas”.
Carril apunta que hai que ter en conta, ademais, o contexto en que se produce este acordo, “tras teren feito anuncios de grandes mobilizacións”. Anuncios que desde a CIG “xa advertiamos que o que en realidade agochaban eran grandes renuncias”.
O secretario xeral da CIG denuncia ademais que se eliminan dos anos de vixencia os dous peores, “nos que se ten acumulado maior inflación e carestía da vida, que son os anos 2021 e 2022, nos que o IPC suma o 12,20%, e nos que se ten producido unha maior caída dos salarios”.
Cláusula de revisión salarial
Sinala que “mesmo rebaixan as súas propostas iniciais, tanto nas propostas de incremento de partida como a cláusula de revisión salarial, que é inexistente, porque no mellor dos casos podería ser aplicábel até un máximo do 1%, polo tanto non hai garantía de recuperar ao ano vencido operando a cláusula de revisión salarial de acordo ao IPC”.
O secretario xeral da CIG denuncia ademais que esta imposición de moderación salarial implica a asunción por parte de CCOO e UGT de que “o custo da vida e a inflación a asuma, en solitario e de forma inxusta, a clase traballadora, empobrecendo máis os salarios, mentres as empresas están gañando o que nunca gañaron e seguen acumulando beneficios millonarios como os que se fixeron públicos estes últimos meses”.
Renuncia sen precedentes
Para Carril este acordo non pode, ademais, ser un bo punto de partida “cando nos estamos rompendo o lombo nos convenios, e así seguiremos facendo, convenio a convenio, para que os salarios se recuperen”. Lembra que en 2022, en Galiza, a negociación colectiva conseguiu que os maiores incrementos salariais foran aquí, en relación con calquera territorio do Estado español, dun 4,83%, por enriba de Nafarroa e Euskadi, grazas á loita e a mobilización que, avanza, “van ter que continuar”.
Lanza ademais a pregunta de se para alguén “este acordo pode ser bo punto de partida para a folga de transporte de viaxeiros/as que imos comezar o vindeiro día 8 ou para a folga do metal da provincia de Lugo”. Lonxe diso incide en que “non hai unha garantía de IPC real como cláusula que permita a recuperación dos salarios a ano vencido”. Por iso considera que estamos ante “unha lousa que vai dificultar aínda máis, mais non impedir, recuperar salarios”.
O secretario xeral da CIG conclúe lembrando o chamamento que a central sindical facía o Primeiro de Maio a que CCOO e UGT “abandonaran esta lóxica e saíran á rúa como en Francia”, asumindo que “a loita é o único camiño para poder recuperar salarios e non estas negociacións que, ao final se converten en grandes renuncias sindicais de UGT e CCOO, que o que practican é ese diálogo social que é unha auténtica fosa na que se enterran os dereitos, caso exemplar con este acordo”.