Redacción •  Galicia •  06/06/2021

O alcalde de Cartelle di que o plan da alcaldesa de Ramirás para o Arnoia non foi máis que “unha conversa”

  • O BNG pregunta no pleno polo proxecto publicitado hai 9 meses na prensa por Isabel Gil (PSOE) e Jaime Sousa aclara que apenas foi un contacto verbal “á saída dunha reunión da Mancomunidade”.
  • A corporación de Cartelle aproba a proposta nacionalista para potenciar a feira e procurar unha coordinación comarcal deste tipo de eventos, como xa se acordou na Merca e en Celanova, tamén por iniciativa do BNG.
O alcalde de Cartelle di que o plan da alcaldesa de Ramirás para o Arnoia non foi máis que “unha conversa”

A alcaldesa de Ramirás converteu unha conversa co alcalde de Cartelle á saída dun plenario da Mancomunidade Terra de Celanova nun “plan” para recuperar á area de ocio de A Pontenova. Así se desprende da resposta de Jaime Sousa, alcalde de Cartelle, a preguntas do BNG no pleno municipal celebrado o pasado mércores.

A finais de agosto do ano pasado, presionada polas continúas denuncias de graves deficiencias no subministro de auga potábel –críticas ás que se foron sumando outras polo abandono xeral do río–, Isabel Gil (PSOE), a rexedora de Ramirás, decidiu responder sacándose da manga «un proyecto de puesta en valor [da área de A Pontenova] que ambos municipios presentarán a la Confederación Hidrográfica del Miño-Sil (CHMS)», segundo definiu o proxecto o diario La Región na edición do 26 de agosto.

Isabel Gil afirmou na prensa que se trataba dun plan conxunto co goberno local de Cartelle, liderado por Jaime Sousa (PP). Mais o proxecto era fume.

A preguntas do BNG no pleno de Cartelle, Sousa admitiu que non existe tal plan, que o único contacto nese sentido con Isabel Gil produciuse “á saída dunha reunión da Mancomunidade” –días antes de que o anuncio aparecese na prensa–, e que o que Gil lle propuxo era “se estaba disposto a acudir” a unha xuntanza coa CHMS. “O resto”, manifestou Sousa, “é o que todos sabemos pola prensa, sen que a día de hoxe se concretase nada”.

Revitalización das feiras e promoción dos productores locais

Por outra banda, o BNG de Cartelle sacou adiante este mércores unha moción para avanzar nunha coordinación comarcal das feiras dos distintos concellos da Terra de Celanova e da Baixa Limia, na liña do acordado antes polas corporacións de Celanova e A Merca, tamén a proposta do BNG.

As nacionalistas apostan por “establecer unha oferta de formación para os participantes”, así como “ferramentas comúns de comunicación e difusión das feiras e eventos”.

No caso da feira de Cartelle, as nacionalistas propuxeron que os días de feira que caian en domingo se celebren evento monográfico con protagonismo dos produtores locais “que dean a coñecer o tecido agrícola produtivo de Cartelle”. A moción inclúe a elaboración dun censo de explotacións locais no termo municipal.


BNG /