Redacción •  Galicia •  06/09/2021

Ecoloxistas en Acción rexeita a megamina de litio do Barroso en Portugal

A organización ecoloxistas denuncia que o Goberno Portugués vulnerou os dereitos de acceso á información ambiental, impedindo sistematicamente a consulta dos expedientes administrivos do proxecto.

Ecoloxistas en Acción rexeita a megamina de litio do Barroso en Portugal

Ecoloxistas en Acción ven de rexistrar unha batería de alegacións contra a megamina de litio do Barroso, que promove a empresa británica Savannah Resources no municipio de Boticas. O proxecto está sometido ao trámite de avaliación de impacto ambiental transfronteiriza, que iniciou o Ministerio para a Transición Ecolóxica logo de avaliar a documentación remitida pola Embaixada de Portugal.

O proxecto de enormes dimensións contempla a construcción do maior depósito de residuos mineiros filtrados do mundo que almacenaría 50 millóns de toneladas de rocha estéril e 14 millóns de toneladas de estériles, medindo entre 149 e 193 metros de altura. A súa rotura implicaría verter, como mínimo, 8,5 millones de metros cúbicos de residuos mineiros no sistema fluvial do río Douro, e, no peor dos casos, máis de 30 millóns de metros cúbicos, que poderían chegar ao Atlántico contaminando as costas como aconteceu nas recentes roturas de presas de Brumadinho e Mariana no Brasil.

O proxecto encóntrase ademais a apenas 2 km de distancia da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés, que inclúe os concellos galegos de Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños, e que non foron nin consultados sobre os efectos. O goberno portugués ven impedindo sistematicamente o acceso á información ambiental, a pesar das solicitudes por parte de entidades galegas e portuguesas. Este impedimento motivou xa accións xudiciais ante o Tribunal Administrativo Central de Lisboa e ante o Comité de Cumplimiento da Convención de Aarhus, das Nacións Unidas.

Ausencia de trámite transfronteirizo do lado galego

O caso da Mina do Barroso evidencia a importancia das consultas ambientais transfronteirizas que, sen embargo, a Xunta de Galicia ven impedindo nos proxectos mineiros que tramita literalmente ao pé da fronteira. Entre outros casos, Ecoloxistas en Acción xa denunciou a concesión de explotación “San Juan” de estaño e volframio na Gudiña, que non só afecta directamente ao LIC Pena Maseira do lado galego, dentro da rede Natura 2000, máis está a apenas a 1 km de distancia do Parque Natural de Montesinhos, en Portugal, a pesar do que a Xunta de Galicia non tramitou no seu día o preceptivo procedemento de avaliación de impacto ambiental trasfronteiriza.


Ecoloxistas en Acción /  Portugal /  Xunta de Galicia /