O BNG contra a gran cacicada do alcalde Puga
O concelleiro do BNG, Leopoldo Rodríguez, decidiu abandonar o pleno desta mañá en Celanova en protesta pola manobra do alcalde, Antonio Puga (CD), coa conivencia do seus socios de goberno (PSOE), para impedir que todas as concelleiras e concelleiros da corporación municipal puideran participar no debate e votación dos asuntos do día.
O alcalde convocou a sesión a unha hora que non podían asistir concelleiros da oposición, quebrando os acordos de organización e ignorando un recurso para adiar o pleno para que puideran asistir os 13 concelleiros electos. O alcalde convocou o pleno pola mañá, fóra do horario habitual e contra os acordos de organización de 2019 cando se constituíu a actual corporación. E ignorou a advertencia do PP de que a un dos seus concelleiros lle sería imposíbel a asistencia á sesión por cuestións de traballo. E ignorou o recurso presentado polo grupo popular solicitando que se adiase o pleno.
E, para que? Para sacar adiante tres acordos que benefician intereses particulares, entre eles, os del propio porque non sabe como facer dixeríbel a operación da Horta do Cura na que embarcou ao Concello.
O alcalde pretende cambiar o resultado das eleccións para iso, para aprobar acordos que a oposición (maioritaria) rexeita. Por iso a minoría ficou soa no pleno. A cacicada que creba a democracia constitúe unha manobra inaudita na vida política municipal de Celanova.
O alcalde non só quebranta o espírito dunhas normas de raíz democrática que en ningún caso están elaboradas para que a Alcaldía dispoña ao seu antollo da potestade de convocar o pleno cando e como lle pete (mesmo prohibindo expresamente a participación telemática). O alcalde infrinxe ademais unha norma básica de convivencia veciñal de respectar a diferencia, as ideas de todas e todos as veciñas e veciños e dos seus representantes e o seu dereito a discrepar coa forza que lle deron as urnas.
Antonio Puga non entendeu nestes tres anos que a Alcaldía se debe á lei e a todas e todos os veciños e veciñas por riba de todo. Nunca antes aconteceu tal secuestro do pleno e do debate político e público como o que está a acontecer hoxe. A falta de bagaxe e principios democráticos do alcalde e dos seus socios no goberno era evidente e alcanzou o límite nestes últimos meses nos que, sen ter a maioría, pretenden impoñer unha maioría que as urnas non lles concederon.