Redacción •  Galicia •  06/10/2024

Esquerda Unida apoia a folga do persoal da Compañía de Radio Televisión de Galicia

Esquerda Unida apoia a folga do persoal da Compañía de Radio Televisión de Galicia

Esquerda Unida apoia a folga e as protestas convocadas polo Comité Intercentros da CRTVG para os días 7, 9, 11 e 14 de outubro e chama a mobilizarse contra o progresivo desmantelamento e a manipulación informativa no ente público.

Tras máis de oito anos de incumprimento da Lei dos Medios Públicos por parte da Xunta de Galicia e dun progresivo deterioro do servizo denunciado en múltiples ocasións polo persoal da CRTVG, o Goberno anunciou neste 2024 a intención de aprobar unha nova Lei que serviría para afianzar o control do Partido Popular sobre o ente público.

A pretendida nova Lei do Audiovisual suporía non só o control da dirección da CRTVG por parte da Xunta, que veñen practicando de facto nestes anos co incumprimento da actual Lei, se non tamén a substitución de contidos en galego por emisións en castelán, atacando así os escasos medios existentes para a normalización lingüística.

A radio-televisión pública foi sufrindo tamén ao longo dos últimos anos un proceso de deterioro, asistindo á privatización na creación de contidos e padecendo a represión ás protestas do seu persoal. A actual privatización do outrora programa “A Revista” ten significado o detonante dunha convocatoria de folga que Esquerda Unida apoia, na denuncia do progresivo desmantelamento e control político sobre o ente público.

“O que debera ser un vehículo público para a transmisión de cultura, o entretemento e a información veraz, estase convertendo nun mero altofalante dos intereses do Partido Popular”, apunta Eva Solla, Coordinadora Nacional de Esquerda Unida. “As galegas e galegos debemos amosar non só o noso apoio á loita do persoal da CRTVG, se non mobilizarnos tamén defendendo uns medios de comunicación públicos, veraces e independentes, xa que estes nos pertencen a todas e todos.”


CRTVG /