CCOO reúnese co Fiscal de Sala Coordinador de Seguridade e Saúde no Traballo
- O Fiscal-Coordinador de Seguridade e Saúde, trasladou a CCOO a súa aposta polo aumento das competencias da Fiscalía de Seguridade e Saúde na xurisdición social para poder intervir nos procesos derivados de accidentes de traballo e enfermidades profesionais.
Representantes da Secretaria de Saúde Laboral e Sustentabilidade Ambiental e do Gabinete Xurídico e os Servizos Xurídicos de CCOO a nivel estatal, mantiveron unha reunión co Fiscal de Sala Coordinador de Seguridade e Saúde no Traballo e co seu equipo para analizar a realidade da prevención e a sinistralidade no noso país, así como explorar liñas de colaboración que poidan traducirse nun impulso para a saúde e a seguridade da clase traballadora.
O actual escenario de aumento importante da sinistralidade laboral fai, se cabe, máis relevante o papel do Fiscal de Sala Coordinador de Seguridade e Saúde no Traballo, e tamén fai importante buscar sinerxías entre ambas as institucións para abordar solucións máis eficaces.
No transcurso da reunión ambas as partes compartiron a análise da evolución da sinistralidade no noso país e a necesidade de redobrar todos os esforzos que nos permitan diminuír e conter os accidentes de traballo e fundamentalmente frear os accidentes graves e mortais, partindo da reflexión inicial de como a prevención foi paulatinamente perdendo valor, non só nas contornas empresariais senón tamén en moitos espazos públicos.
Protocolo Marco de colaboración
Abordáronse aspectos moi relevantes para CCOO como a actualización do Protocolo Marco de colaboración entre o Consello Xeral do Poder Xudicial, o Ministerio do Interior, o Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais e a Fiscalía Xeral do Estado para a investigación eficaz e rápida dos delitos contra a vida, a saúde e a integridade física dos traballadores e a execución das sentenzas condenatorias.
Procedementos penais, formación e especialización.
CCOO, trasladou á fiscalía a urxente necesidade de axilizar os procedementos penais que actualmente son demasiado longos, con períodos medios de máis de 5 anos e que converten ás vítimas do traballo nas grandes esquecidas a pesar de estar moitas veces en situacións moi vulnerables. Neste sentido, ambas as institucións compartiron a necesidade de darlle unha maior proxección á Unidades Especializadas en Sinistralidade Laboral, e reforzalas con máis medios tanto materiais como humanos.
A formación dos xuíces e a especialización dos xulgados en Seguridade e Saúde no Traballo é unha aposta clara tanto da fiscalía como de CCOO, sendo moi evidente que especializar e formar á xudicatura poderíanos permitir non só acurtar os tempos de resposta da xustiza senón tamén que sexa máis axustada ao tipo de delitos xulgados.
Outro tema de especial interese foi a invisibilización dos danos ás mulleres, tamén no ámbito penal, estando de acordo na necesidade de levar a este campo a especificidade das mulleres na contorna laboral, abordando os diferentes riscos e os diferentes danos que sofren as mulleres na xestión da seguridade e a saúde no traballo.
Abordar os delitos en referencia ás enfermidades profesionais debe ser unha prioridade, hai que ter en conta que segundo a OIT e a OMS, as enfermidades derivadas do traballo provocan 4 veces máis mortes que os accidentes de traballo e con todo en moi poucas ocasións as persoas enfermas ou os seus familiares ven resarcidos os seus danos e restaurados os seus dereitos.
Unidade inregral.
A fiscalía trasladou ao sindicato a súa aposta pola creación dunha unidade integral que asuma todos os delitos recolleito no artigo 311 e sucesivos do Título XV do Código penal, en defensa de todos os dereitos dos traballadores e traballadoras, a necesidade de especialización dos xulgados nesta materia, así como por un aumento das competencias da Fiscalía de Seguridade e Saúde na xurisdición social para poder intervir nos procesos derivados de accidentes de traballo e enfermidades profesionais.