A CIG denuncia a utilización partidista do CES por parte do PP e reclama a súa independencia
- Carril salienta que, malia o papel da CEG, UUAA e UGT, o ditame final á Lei de Beneficios mantén garantías esenciais para que a explotación dos nosos recursos reverta no pobo galego
O Goberno galego e o PP fracasaron no seu intento de impedir que o CES aprobase un ditame que emenda a totalidade do “Anteproxecto de Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos”. Así o considera o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que denunciou, en rolda de prensa, que a “inxerencia” no funcionamento do organismo por parte do Goberno galego e do PP vulnera o papel que a Lei lle atribúe.
Nese sentido, Carril lembrou que o Consello é un ente institucional de dereito público que ten personalidade xurídica propia e plena capacidade e autonomía, orgánica e funcional para cumprir cos seus fins e que, dado o seu carácter consultivo, é necesario garantir a súa “independencia” na formación e emisión dos seus criterios.
Unha independencia que, segundo Miguel Malvido, Secretario Confederal de Institucional e representante da CIG no CES, “ten que estar garantida, tanto para emitir os Informes como os ditames aos Anteproxectos de Lei”. Por iso lembrou que, desde hai anos, vense desenvolvendo como mecanismo de traballo o consenso, de forma que “unha vez que na comisión está aprobado o ditame, este pasa á Permanente, onde non adoita haber ningunha modificación, e logo pasa ao Pleno”, que é un “mero trámite”.
Utilización partidista
Isto foi así até a chegada do novo Presidente que “no seu primeiro pleno, sacou da manga unha actitude presidencialista e forzou unha votación para que este ditame da comisión sectorial tivera unha segunda lectura”, saltándose “a lei e o propio regulamento do CES”, explicou Malvido.
Unha actuación para Carril, “sen precedentes na utilización partidista do recentemente elixido Presidente do CES até o extremo de, primeiro, secuestrar un ditame crítico co Goberno e, segundo, pretender cambialo no Pleno”, malia estar por dúas veces aprobado en Comisión.
Deste xeito, o ditame, que Malvido cualificou de “moi crítico co anteproxecto”, volveu á comisión sectorial que entendeu que non cabía unha segunda lectura, polo que foi remitido novamente ao pleno que o “aprobou maioritariamente”.
Rectificación e restablecemento da independencia do CES
Paulo Carril explicou que a central sindical ten aberto un debate na executiva por mor da “alarma” xerada por este comportamento que considerou que “debe ser rectificado” para ver restablecida a “independencia do CES na súa misión”. Denunciou a pretensión do PP de facer deste organismo consultivo “un anexo do goberno galego matando a súa independencia”. Reclamou que agora se cumpra o contemplado no ditame, porque “non vale respectar ao CES cando lle interesa e cando non, non” e concluíu que ter que denunciar este comportamento irregular demostra “o mal que está a democracia en Galiza”.
Canda isto, Carril lamentou o papel da UGT que, no Pleno, “actuou en contra do que votou durante os debates da Comisión que elaborou o ditame”, tanto na primeira como na segunda votación que houbo na Comisión. Como lamentou tamén que Unións Agrarias estivera “desaparecida e só aparecerá para facilitar coa CEG o que o Goberno galego e o PP ditaron para tirar abaixo o ditame”.
Fracaso do PP
Para o secretario xeral da CIG este intento do Goberno galego e do PP de mudar o ditame do CES responde á súa “desesperación” por impedir que os recursos naturais de Galiza “teñan que reverter no beneficio social e económico do pobo galego” e que as reivindicacións sociais de anos sigan desatendidas.
A este respecto, Malvido explicou que, aínda que con este intento de cambiar a súa liña, “houbo algunhas consideracións xerais que caeron, pero o groso do ditame, a visión crítica que ten sobre este anteproxecto de lei, segue adiante”.
Por iso Carril cualificou de “fracaso” o intento de subverter un ditame ao que agora “deben de aterse, co mesmo empeño para cumprilo como empeño tiveron para anulalo”.