Redacción •  Galicia •  07/03/2025

10 de Marzo: Traballo, igualdade e salarios dignos nunha Galiza con dereitos

No Día da Clase Obreira Galega, a CIG convoca mobilizacións nas sete cidades e en Vilagarcía.

10 de Marzo: Traballo, igualdade e salarios dignos nunha Galiza con dereitos

O 10 de Marzo é o Día da Clase Obreira Galega, que a CIG chama a conmemorar en todas as comarcas para reivindicar, con 12 medidas, traballo, igualdade e salarios dignos nunha Galiza con dereitos.

Horas e lugares das mobilizacións
  • Ferrol: ás 12h, ofrenda floral no monumento ao 10 de Marzo. Ás 20h, manifestación con saída do Local Sindical.
  • A Coruña: 20h, dende a Praza de Vigo.
  • Compostela: 19:30h, dende a Praza Roxa.
  • Lugo: 20h, dende o Edificio Sindical (Ronda da Muralla).
  • Ourense: 20h, dende o Edificio Sindical (Parque San Lázaro).
  • Pontevedra: 20h, na Praza da Peregrina.
  • Vilagarcía: 20h, na Casa do Mar.
  • Vigo: 19h, dende A Dobrada.

Os dereitos conquístanse

Reclamamos as loitas protagonizadas pola clase traballadora galega en 1972 durante as que foron asasinados en Ferrol, pola policía franquista, os traballadores da antiga Bazán, Amador e Daniel. Loitas que comezaron en Ferrol no mes de marzo e que, meses despois, se estenderon a Vigo por mellores condicións de traballo e por defender a negociación colectiva en Galiza.

Todos os indicadores públicos sobre a realidade laboral e social reflicten un empeoramento dos empregos e da perda de poder adquisitivo dos salarios. Cada día é máis a precariedade a e pobreza laboral, a desigualdade, a fenda de xénero e a desprotección social.

Ter traballo non implica acceder a dereitos básicos como a alimentación e a vivenda, nomeadamente entre a xente nova e as mulleres.

Esta realidade laboral é resultado das reformas laborais aprobadas polos gobernos, utilizando o diálogo social para branquealas, onde o capital avanza a súa axenda, cun papel entregado á desmobilización de CCOO e UGT.

Na Galiza, o impacto negativo de todo isto multiplícase polo Goberno do PP, que aproveita estas políticas españolas para levalas máis lonxe. Con formas antidemocráticas e autoritarias impón un deseño ao servizo das grandes corporacións empresariais que veñen espoliar os nosos recursos, reforzando o papel de colonia de Galiza.

Un Goberno que busca reforzar a dependencia económica e política galega ao sistema centralista español, mentres agonizan máis sectores produtivos e a desertización social e industrial é maior, así como a emigración e o avellentamento da poboación.

Nesta realidade cuestiónase o noso dereito a negociar e decidir en Galiza os nosos convenios colectivos para termos mellores condicións de traballo e salarios dignos.

Recoñecer este dereito é poder democratizar a negociación colectiva ante a permanente centralización en convenios estatais negociados por cúpulas sindicais sen a participación das persoas traballadoras.

Está na nosa man e na nosa capacidade de organización sindical e de loita frearmos este retroceso e precariedade que representa a fórmula perversa de neoliberalismo-diálogo social-estatalización.

Debemos confrontar esta situación ante os gobernos e ante a patronal desde o convencemento de que as políticas favorábeis para a clase traballadora e para o pobo galego non son concesión bondadosa dos gobernos nin nacen do diálogo social. Os dereitos conquístanse loitando.

Son tempos de loita.

Este 10 de Marzo mobilízate coa CIG.


CIG /