Redacción •  Galicia •  07/04/2023

BNG acada a unanimidade do Parlamento para impulsar a creación de cemiterios para confesións minoritarias en Galiza

  • Manuel Lourenzo puxo o foco na comunidade musulmá de municipios como Soutomaior, “unha das máis numerosas do país, levan décadas con nós, sendo un exemplo de convivencia, mais tamén padecendo as dificultades que en demasiadas ocasión implica a emigración”.
  • BNG lembroulle ao Goberno do PP o seu compromiso, hai xa cinco anos, para habilitar espazos de enterramento para crenzas minoritarias en Galiza.
BNG acada a unanimidade do Parlamento para impulsar a creación de cemiterios para confesións minoritarias en Galiza

O BNG logrou o acordo unánime da Cámara para emprazar ao Goberno do PP a cumprir o seu propio compromiso, formulado no Parlamento hai xa cinco anos, de impulsar a creación de cemiterios para confesións minoritarias en Galiza, como é o caso da comunidade musulmá, con numerosos integrantes en concellos como o de Soutomaior.

O deputado do Bloque, Manuel Lourenzo, expuxo o caso de persoas como Ismael, “un mozo de Arcade, alegre e cheo de vida que despois de meses loitando contra unha grave enfermidade deixounos o pasado mes de decembro”, explicou, o que supuxo “un duro golpe” para toda a veciñanza de Soutomaior e, con especial énfase, na comunidade musulmá da vila “unha das máis numerosas do país, levan décadas con nós, sendo un exemplo de convivencia, mais tamén padecendo as dificultades que en demasiadas ocasión implica a emigración”.

O seu falecemento “puxo de manifesto”, as trabas que existen para que estas minorías “poidan enterrar dignamente” aos seus seres queridos, sinalou Lourenzo, cunha “notable ausencia de cemiterios para que a comunidade musulmá que vive con nós poida dar sepultura aos seus seres queridos seguindo as súas crezas relixiosas”, que forza ás familias “a expatriar os corpos dos seus seres queridos”, incidiu.

“Estamos a falar de familias que en moitos casos levan décadas vivindo aquí e de persoas que naceron en Galiza. Son cidadáns galegos de pleno dereito. Mais a ausencia destes espazos fai que non poidan escoller entre ser enterrados aquí ou no seu país de orixe”, denunciou o deputado do BNG fronte uns Populares “que levan incumprindo cinco anos” unha iniciativa que, no seu momento, o cinco de abril de 2017, acadou o compromiso unánime de todas as forzas políticas da Cámara.

Esta iniciativa foi aprobada “para garantir o dereito de todas as persoas que tiñan crenzas relixiosas minoritarias en Galiza, pero que tiñan un arraigamento importante no país, puidesen levar adiante os seus enterramentos seguindo as súas crenzas”, lembrou Lourenzo. Esta “falta de compromiso” supón que haxa familias “que teñan que facer fronte a uns gastos de expatriación que ascenden a máis de 6000 euros para familias que en ocasións padecen importantes dificultades económicas”, recriminou.

O parlamentario nacionalista fixo referencia á toda a lexislación incumprida por mor da parálise na creación destes cemiterios, que conculca a Lei Orgánica 7/1980, de 5 de xullo de liberdade relixiosa; a Lei 49/1978, de 3 de novembro, de Enterramentos en Cemiterios Municipais no seu artigo primeiro; a Lei 26/1992, de 10 de novembro, pola que se aproba o Acordo de Cooperación do Estado coa Comisión Islámica de España modificación do ano 2015, no que se establece tamén o dereito a esta comunidade a ter espazos de enterramento e o Decreto 151/2014, de 20 de novembro, de sanidade mortuoria de Galiza.

Lourenzo, fronte esta desatención do Goberno do PP, puxo exemplos de administracións que si están a garantir este dereito, “como o caso de Estremadura e os decretos autonómicos sobre policía sanitaria mortuoria de Andalucía e a Comunidade Valenciá” que xa contemplan o enterramento en terra sen ataúde, como demanda a comunidade musulmá.

Así como, argumentou o parlamentario do BNG, existen os casos “dos decretos de Cantabria, Castela A Mancha, Ceuta, Estremadura e A Rioxa, que dispoñen da aplicación dos diversos convenios coas confesións, así como a ordenanza de cemiterios de Barcelona, tal e como sinala o o Informe Anual 2021 do Observatorio andalusí da Unión de Comunidades islámicas de España (UNCIDE)”.

Os Populares, pola súa banda, anunciaron o seu compromiso de acordo para vehicular este dereito para as minorías relixiosas “despois de que se constitúa a nova FEGAMP”, sinalou o deputado do PP, José Alberto Pazos Couñago, que asegurou que este dereito “será unha realidade”, mais non se comprometeu a dar ningunha data concreta.

Lourenzo celebrou “o acordo de todas as forzas neste asunto cando sirva para axilizar o avance nesta lexislación” para conseguir “rematar con esta inxustiza, con esta discriminación, para que calquera persoa, sexa cal sexa a súa Fe, poidan escoller libremente como afrontar o enterro das súas persoas próximas”.


servicios públicos /