Redacción •  Galicia •  07/04/2025

A CIG convoca 16 mobilizacións o 1 de Maio baixo o lema «Traballo, dereitos, soberanía. Galiza contra as guerras»

A campaña arrinca con asembleas e concentracións nas comarcas, o 9 de abril, diante da Xunta de Galiza

A CIG convoca 16 mobilizacións o 1 de Maio baixo o lema «Traballo, dereitos, soberanía. Galiza contra as guerras»

A CIG presentou esta mañá, en rolda de prensa, a convocatoria de 16 manifestacións por todo o país o Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Obreira, baixo o lema “Traballo, Dereitos, Soberanía. Galiza contra as Guerras”. Como antesala, a central sindical ten tamén convocadas asembleas de delegadas e delegados e concentracións diante da Xunta de Galiza o vindeiro día 9 de abril.

MOBILIZACIÓNS

A Coruña.- Ás 12:00 h desde a Praza de Vigo

Carballo.-  Ás 12:00 h, Praza do Concello

Cee.- Ás 12:00 h, Praza Otero Lastres

Ferrol.- Ás 12:00 h desde o local da CIG (Avda. de Esteiro)

As Pontes.- Ás 12:00 h, Praza de América

Compostela.- Ás 12:00 h desde a Praza Roxa

Lugo.- Ás 12:00 h desde o Edificio Sindical (Ronda da Muralla)

Cervo.- Ás 12:00 h, desde a Fábrica de Sargadelos

Ourense.- Ás 11:30 h desde a Praza Maior

Verín.- Ás 12:00 h na Praza do Concello

Pontevedra.- Ás 12:00 h, desde a Praza da Ferrería

Vilagarcía.- Ás 11:30 h, Casa do Mar

A Estrada.- Ás 12:00 h, Praza do Mercado

Vigo.- Ás 12:00 h, desde a Dobrada

Cangas.- Ás 18:00 h, desde a Praza do Concello

A Guarda.- Ás 12:00 h, na Praza Avelino Vicente

Así o anunciou Paulo Carril, secretario xeral da CIG, quen lembrou que este Primeiro de Maio enmárcase na campaña que a central sindical leva desenvolvendo desde o inicio deste ano “reivindicando traballo digno, igualdade de salarios e unha Galiza con dereitos”.

Xunto a isto adiantou que, como paso previo, o próximo 9 de abril celebraranse asembleas de delegados e delegadas en todas as comarcas, que rematarán con protestas diante da Xunta de Galicia. Mobilizacións nas que se reclaman tres medidas fundamentais: un plan galego de recuperación económica; un plan de protección social e plenas competencias para Galiza en materia laboral, económica e fiscal.

Respecto do plan galego de recuperación económica explicou que é necesario que aposte pola industrialización, a creación e defensa de emprego digno e uns servizos públicos fortes, “mediante a intervención pública en sectores estratéxicos e o aproveitamento dos recursos galegos para xerar empregos, completar ciclos produtivos, aumentar o valor engadido e garantir un desenvolvemento equilibrado territorial e ambientalmente”.

Canto ao plan galego de protección social propuxo que estea centrado na atención ás persoas, a vivenda digna e a creación dun sistema público galego de coidados, fortalecendo servizos como o ensino e a sanidade. Xunto a isto reclamou plenas competencias para Galiza en materias laborais, económicas e fiscais, “para decidir o noso modelo económico e social como alternativa viable para vivir e traballar dignamente no noso país”.

O contexto global: guerras, imperialismo e crise capitalista

Carril situou o Primeiro de Maio nun contexto de “profunda crise global, marcada por unha ofensiva do capitalismo neoliberal que reforza a explotación de clases e pobos”. Denunciou que “o gasto militar e a guerra son ferramentas do imperialismo liderado por Estados Unidos para soster este sistema”, e criticou a nova administración estadounidense por anunciar “unha escalada belicista e un maior control xeopolítico”.

Neste escenario, acusou á Unión Europea de someterse aos intereses estadounidenses, permitindo “o medre da extrema dereita e un proxecto reaccionario que prioriza o militarismo e ataca os dereitos sociais”.

Por iso lamentou “que o Goberno español se aliñara sen reparos con esta estratexia, lanzando unha campaña de propaganda baseada no medo para xustificar un gasto militar que supera o 2% do PIB, con desvíos orzamentarios que priorizan orzamentos bélicos sobre as necesidades sociais”. Sinalou que no Estado español “vivimos baixo un plan de axuste que recorta o gasto público, precariza as condicións laborais coas reformas laborais e de seguridade social, e aumenta as desigualdades”.

A isto engadiu datos preocupantes como que “o 60% do emprego creado é temporal ou fixo descontinuo, a pobreza laboral medra e os salarios non chegan para cubrir necesidades básicas”. Un “desmantelamento, acompañado dun diálogo social fraudulento, agrávase coa recente reforma das pensións, que entrou en vigor este mes”, dixo.

Galiza baixo o ataque do capital e a inacción do PP

Canto a Galiza, o secretario xeral acusou ao Partido Popular de aplicar políticas “fatais” que multiplican “a pobreza e a desigualdade”, favorecendo “fondos de investimento e grandes empresas, mentres se desertizan comarcas enteiras. O espolio dos nosos recursos naturais agranda os beneficios alleos a costa de impactos sociais e ambientais, e a emigración segue sendo unha constante”.

Diante desta situación Carril chamou a encher as rúas o Primeiro de maio “nun berro de denuncia e loita contra as guerras imperialistas, a militarización da sociedade, a Unión Europea do capital e da extrema dereita, e a favor dos servizos públicos, os dereitos laborais e un proxecto soberano para Galiza”.

Subliñou que será “un día de internacionalismo proletario, de defensa do traballo, de reclamación de paz e de apoio á loita de Palestina, por un mundo xusto, solidario e en paz, baseado na autodeterminación dos pobos e na soberanía económica e política”.


1 de Mayo /