Redacción •  Galicia •  07/10/2021

Ana Pontón: «Feixóo prepara unha reforma que subiría o prezo da auga até o 60% a unha familia media»

  • Un fogar de tres persoas e 39 metros cúbicos de consumo pasaría de 16 a 25,95€ mes sen IVE nos concellos con depuradoras xestionadas pola Xunta.
  • Pontón: “En plena crise, Feixóo prepara unha subida nun ben básico tras 11 anos de brazos cruzados en materia de saneamento e abastecemento”.
Ana Pontón: «Feixóo prepara unha reforma que subiría o prezo da auga até o 60% a unha familia media»

O Goberno do PP leva once anos incumprindo a lei tanto en materia de depuración como de abastecemento de augas e agora ultima un novo anteproxecto de lei que suporá un aumento de até o 60% do prezo da auga nos concellos onde a Xunta xestiona as depuradoras. Como? Incrementando o canón de xestión das depuradoras e incluíndo un novo canón á xestión da rede de recolectores.

“Despois de estar once anos cruzado de brazos,  o Executivo de Feixóo prepara unha subida do recibo da auga pola innovadora fórmula de cobrar por depurar a auga de choiva, -antes foi o imposto ao sol, agora é o imposto á choiva-, unha proposta que, ademais, penalizará aos concellos que fixeron máis investimentos para ter unha boa rede de recollida de pluviais”, explicou a portavoz nacional, Ana Pontón.

“Unha familia de tres membros que consuma 39 metros cúbicos de auga pasaría de pagar 16 euros a pagar 25,97 euros ao mes, ao que habería que engadir o imposto do IVE”, explicou a líder do Bloque mentres mostraba un vaso de auga na súa comparecencia de denuncia da subida dun ben básico. “En plena crise, en plena escalada de prezos da luz e coa inflación disparada, Feixóo prepara unha subida no recibo da auga”, criticou.

E todo isto mentres o Executivo do PP fai “o que mellor se lle da que é buscar culpables”, recriminou, neste caso os concellos. Buscar un cabeza de turco  e argumentar que, pese a subirlles o canón de depuración, os gobernos municipais teñen autonomía local para decidir se repercuten ou non esa subida na veciñanza.

“É dicir, que para o presidente da Xunta a autonomía local consiste en decidir se lle repercute aos veciños e veciñas a subida da auga que planea o seu goberno, ou se recortan noutros investimentos como política social, axudas ao comercio local ou na mellora dos espazos públicos, por citar algúns exemplos”, ironizou.

Ao incremento do canon de saneamento, que afectaría de cheo aos 28 concellos cuxas depuradoras son xestionadas pola Xunta, hai que engadir a subida do canón da auga a todos aqueles municipios que teñan perdas superiores ao 20% na rede de abastecemento, “despois de que o Goberno de Feixóo leve máis dunha década sen facer nada por mellorar esa rede incumprindo a obriga legal de elaborar un plan de abastecemento”, alegou Pontón, un plan que tería como función precisamente eliminar ou minimizar as deficiencias no proceso de subministro.

Obviamente, recalcou Pontón, o Bloque considera que hai moito por facer para mellorar o abastecemento e o saneamento na xestión da auga, “pero iso non se soluciona subindo o prezo da auga ás familias até un 60%, o primeiro paso é que o Goberno cumpra a súa propia normativa e as súas propias obrigas elaborando dunha vez un plan de saneamento e un plan de abastecemento”.

Neste sentido, o BNG reclama a retirada do anteproxecto de lei “do sablazo da auga” que presentou a Consellería de Infraestruturas, responsable do ente Augas de Galicia, e a apertura dun proceso de diálogo con todas as partes implicadas na xestión deste ben básico e todo iso coa finalidade de poñer en marcha unha nova estratexia da auga, acorde coa directiva marco, e cunha nova cultura da auga.

“Desde logo, nun momento no que o IPC está disparado, onde todo sube, o que lles faltaba aos galegos e ás galegas é que o señor Feixóo prepare un aumento do recibo da auga nos concellos nos que as depuradoras son xestionadas desde a Xunta”, concluíu.


Ana Pontón /