BNG reclama información ao goberno sobre o PERTE do sector mar-industria e pide o IVE do 0% para o peixe
- A pesar da oposición do Ministro Planas, o IVE de 0% para os produtos do mar tería moitos beneficios”. Esta demanda reiterada polo sector en Conxemar presentouna o BNG no Congreso en moitas ocasións e «facémolo agora máis unha vez”
O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, e a senadora por Galiza, Carme Dasilva, presentaron nas Cortes distintas iniciativas para pedindo información ao Goberno sobre a proposta de PERTE (Proxectos Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica) específico para a industria de transformación de produtos do mar, anunciada na feira de Conxemar pola Secretaria Xeral de Pesca.
Anuncios que deben concretarse: cando resolverá a Comisión Europea a proposta de Perte?
O BNG pregunta ao Ministerio cando trasladou á Comisión Europea a necesidade de contar con un PERTE para o sector do complexo mar-industria, a que tipo de liñas de financiamento de proxectos se poderían acoller as empresas do sector, con que contía de Fondos Next Generation se podería dispor e en que data vai dar unha resposta a Comisión Europea.
O BNG formula estas cuestións porque a Secretaria Xeral de Pesca limitouse a facer un anuncio mais non informou do contido da proposta nin a súa concreción. Unicamente sinalou que o PERTE solicitado estaría orientado “cara a transformación azul do sector pesqueiro”.
Salientan os parlamentares do BNG nas Cortes o peso na economía galega do sector do complexo mar-industria e destacan a proxeción de Conxemar, “unha das feiras do sector da industria de transformación de produtos do mar máis importantes de Europa. Un escaparate a nivel mundial onde o sector acostuma a trasladar as súas demandas, entre elas a de poder acceder a un Perte para o financiamento de proxectos dado que ficou excluído do Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica Agroalimentar.
A pesar da negativa de Planas, o IVE de 0% tería moitos efectos positivos
Outra das peticións históricas do sector reiterada en Conxemar, e presentada polo BNG en numerosas ocasións en pasadas lexislaturas, é o de aplicar aos produtos do mar o IVE de 0%. Actualmente está en 10%. Unha petición que o Ministro Planas rexeitou na feira de Conxemar.
Mais “non é unha idea estraña posto que na práctica totalidade de países da UE o peixe e o marisco teñen un IVE máis baixo que o que se aplica no Estado español. Así por exemplo, en Francia aplícaselles un tipo do 5,5%; en Luxemburgo do 3%; en Chipre, Hungría e Polonia do 5%; en Bélxica e Portugal do 6%; e en Alemaña aplícase un 7%. Noutros países europeos directamente exclúese a estes produtos da aplicación do imposto, considerándoos exentos, como é o caso de Irlanda e Malta. As propias institucións da Unión Europea teñen recomendado esta medida.
A 1 de xaneiro o Goberno decidiu reducir o IVE nunha serie de alimentos para paliar a elevada inflación, mais continúa sen ter en conta os produtos pesqueiros nas rebaixas fiscais.
Reduciu o IVE de 4% ao 0% do pan, a masa de pan e as fariñas panificábeis, do leite en todas as súas formas, os queixos, os ovos, as froitas, verduras, hortalizas, legumes, tubérculos e cereais que teñan a condición de produtos naturais. Rebaixou o IVE de 10% a 5% dos aceites, e as pastas. Inexplicabelmente, o peixe non foi obxecto das devanditas reducións do IVE aínda sendo un elemento básico na dieta.
A pesar das resistencias e reticencias do Ministro, hai que indicar os beneficios que unha medida así reportaría: “serviría para favorecer a introdución de máis peixe na dieta, facilitaríase o acceso ao consumo destes produtos ás familias e persoas con maiores dificultades económicas, á vez que axudaría ao sector para incrementar as vendas”.
Sen esquecer que a pesca é un sector estratéxico na Galiza que non pasa precisamente por bos momentos debido aos vetos e recortes nas cotas pesqueiras ditados pola UE e debido ao incremento dos prezos dos carburantes.