Redacción •  Galicia •  07/11/2022

A CIG-Saúde advirte que a nova venta de Povisa compromete o dereito a unha asistencia sanitaria de calidade

​ Aposta pola xestión pública do centro médico e insiste na necesidade de garantir recursos para dar unha atención digna

A CIG-Saúde advirte que a nova venta de Povisa compromete o dereito a unha asistencia sanitaria de calidade

Unha vez que a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia vén de autorizar a venda do grupo valenciano Ribera Salud, propietario de Povisa, ao francés Vivalto Santé, a CIG-Saúde reitera a súa preocupación ao entender que este novo movemento empresarial compromete o dereito a unha asistencia sanitaria de calidade para milleiros de persoas na área de Vigo.

Dende a central sindical sinalan que con este tipo de operacións “evidénciase o risco de converter o coidado da nosa saúde nun negocio privado, no que compran e venden centros sanitarios en función dos intereses económicos dos accionistas das compañías que os xestionan, co obxectivo de minimizar os custes e maximizar os beneficios”. Neste senso, consideran especialmente grave que isto suceda cun hospital como Povisa, que mantén un concerto co Sergas para darlle asistencia a 135.000 persoas na área sanitaria de Vigo. 

Con este tipo de operacións evidénciase o risco de converter o coidado da nosa saúde nun negocio privado

Lembran que xa no ano 2019 rexeitaran a venta de Povisa a Ribera Salud, defendendo como alternativa a compra do hospital pola Xunta e a súa xestión con criterio de servizo público, “compaxinando os dereitos das persoas traballadoras de Povisa e os intereses da sanidade pública”.

Agora, ademais, o novo proceso de venta dáse nun contexto “sensíbel” ao estarse negociar o convenio colectivo, que levaba paralizado desde 2010, e que ten especial importancia na mellora das condicións de traballo do persoal de Povisa que levan máis de 10 anos “conxeladas”.

Fronte a isto, a CIG-Saúde segue a defender que é preciso garantir recursos asistenciais públicos para dar unha atención 100% pública ao conxunto da área sanitaria de Vigo, e continua apostando pola xestión pública do hospital Povisa para poder planificar en base ás necesidades da poboación e non en base aos intereses das empresas privadas. “Así mesmo defendemos que a mellora das condicións laborais do persoal de Povisa non se pode ver condicionada polo continuo cambio de empresas”.


CIG /