Veciñanza e colectivos concéntranse este domingo en Vilar de Barrio fronte a ameaza eólica
Concentración veciñal en Vilar de Barrio en Defensa das montañas de Ourense.
Domingo, 10 de decembro, ás 12,00 horas na praza do Toural (Xinzo de Limia).
Con motivo do Día Mundial das Montañas, a Coordinadora Eólica Así Non, conformada por máis de 200 plataformas, colectivos e organizacións galegas, chama a mobilización este domingo en todo o país en defensa das nosas montañas e contra a invasión eólica.
En Ourense, a concentración, de carácter provincial, terá lugar en Vilar de Barrio ás 12,00 horas e está promovida polo Movemento Ecoloxista da Limia, Salvemos O Támega-Adega Monterrei, Petón do Lobo, Ecologistas Em Ação Galego-Transmontano, Sindicato Labrego Galego, Club Parapente Baltar, Amigas das Árbores, Amigas da Terra, Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (Acouga), a Sociedade Galega de Ornitoloxía, e as plataformas Stop Parques Eólicos en Chandrexa, Salvemos as Montañas de Trevinca e Stop Eólicos Xurés Celanova, Tarabelada Terra de Caldelas.
No acto darase lectura a o manifesto “Defendemos as montañas fronte a gobernos e especuladores”, que neste terceiro ano de mobilizacións (as anteriores celebráronse en Laza, no 2021, e en Xinzo de Limia no 2022) pretende subliñar o determinante papel que está a xogar a sociedade civil organizada na defensa do territorio galego fronte o espolio eólico e a traizón dos gobernos.
Haberá intervencións poéticas e tamén música, a cargo do dúo 2naFronteira. A organización preparará chocolate para convidar a todas e a todos. Está previsto que o acto teña unha duración de 30 minutos.
Celebraranse actos de mobilización veciñal en Amil (Moraña), na provincia de Pontevedra; Campo de Carlexo (Val do Dubra) e Ortigueira, na provincia da Coruña; e na capital lucense e A Fonsagrada, na provincia de Lugo.
Xinzo de Limia, 7 de decembro.