Redacción •  Galicia •  08/02/2025

Ana Pontón pide mobilizarse ante un goberno do PP que quere cargarse o galego até reducilo a unha lingua de uso residual

  • Propón como medida urxente pactar un novo decreto do galego no ensino para o curso 25/26 fronte ao decreto da vergoña, letal para a lingua.
  • “Non imos permitir que o PP lle roube ós nosos fillos e fillas o seu dereito a coñecer o galego e a súa liberdade para falalo”, alega a líder do BNG.
Ana Pontón pide mobilizarse ante un goberno do PP que quere cargarse o galego até reducilo a unha lingua de uso residual

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, participou este sábado no Econtro Nacional de Lingua celebrado na Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela, onde fixo un chamamento á sociedade galega para defender o idioma galego ante a «persecución sistemática» do Partido Popular.

Pontón destacou a gravidade da situación actual, cualificándoa de «emerxencia lingüística», xa que o galego está en estado crítico debido ás políticas do PP, que nos últimos 15 anos foron dirixidas a reducir o seu uso en todos os ámbitos. Segundo subliñou, o goberno de Rueda continúa coa súa «folla de ruta para impoñer o monolingüismo en castelán», ignorando os datos oficiais que amosan a perda constante de falantes de galego.

Encontro lingua
Encontro lingua

A líder do BNG salientou que as medidas impulsadas polo PP tiveron consecuencias devastadoras para o idioma, como o Decreto do Plurilingüismo, o chamado «Decreto da vergoña» e que, segundo os informes da Real Academia Galega e do Consello da Cultura Galega, provocou que a xeración educada baixo este marco normativo sexa a que menos galego fala na historia de Galiza. «O galego é a única lingua do Estado que perde falantes», advertiu Pontón, engadindo que «por primeira vez en democracia temos un goberno que prohibiu por decreto aprender en galego materias fundamentais como matemáticas, física, química ou tecnoloxía».

Así mesmo, denunciou que a estratexia do PP non se limita ao ensino, senón que se estende á eliminación do galego en múltiples ámbitos, como a xustiza, a sanidade e os medios de comunicación públicos. En referencia á Televisión de Galiza e á Radio Galega, acusou ao goberno do PP de tentar reducir aínda máis a presenza da lingua nos medios, incumprindo así a súa obriga legal de fomentar o galego.

Ante esta situación, Ana Pontón fixo un chamamento á mobilización social para reverter esta tendencia e loitar pola igualdade do galego en todos os ámbitos. «Non imos permitir que o PP nos roube o noso idioma», afirmou. Con este obxectivo, animou á cidadanía a participar masivamente na manifestación convocada por Queremos Galego o vindeiro 23 de febreiro en Santiago de Compostela con motivo do Día de Rosalía de Castro. «Temos que demostrar enchendo as rúas que a maioría social de Galiza sente orgullo da súa lingua e non permitirá que siga sendo discriminada», engadiu.

No ámbito institucional, Pontón anunciou que o BNG impulsará un gran acordo social pola lingua, con medidas concretas para garantir a súa normalización. Entre as propostas destacadas, a máis urxente será a aprobación dun novo decreto para o ensino, que entre en vigor no curso 2025-2026, co obxectivo de poñer fin á discriminación do galego no sistema educativo. Así mesmo, avanzou a necesidade de establecer un cronograma de aplicación das medidas do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e de triplicar os recursos destinados á promoción do galego.

«Sen igualdade, non hai liberdade. Onde está o 50% do galego na educación, na sanidade, nos medios de comunicación», cuestionou Pontón, insistindo en que o BNG non permitirá que a lingua galega siga sendo tratada como unha lingua de segunda.

Para rematar, a líder nacionalista reivindicou as palabras de Castelao para lembrar que «o problema do idioma en Galiza é un problema de dignidade e de liberdade», e asegurou que o BNG continuará traballando man a man coa sociedade para garantir «mil primaveras máis para o galego».


política /