A Memoria non branquea fascistas e rexeita falar diante dunha corporación que branquea o discurso negacionista
- O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova denuncia com feito inaudito que o o goberno municipal de Celanova admitise a intervención dos ultradereitistas denominados abogados cristianos nunha institución democrática.
- O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova dá por rematada a vía municipal dada a negativa do goberno a levar a pleno o debate da moción para a eliminación do símbolo falanxista levantado en 1939 ao abeiro da Ley de Memoria de 2007.
Celanova viviu onte no salón de plenos do Concello unha xornada negra para as aspiracións da memoria do país que apoia a eliminación do monumento fascista de exaltación do golpe de Estado, da guerra, a represión e o franquismo levantado en 1939 pola Bandera de Falange de Marruecos, despois dun verán sanguento na vila.
O alcalde, co apoio dos grupos que sustentan o goberno (Celanova Decide e o PSOE) decidiu dar a palabra no ‘escano cidadán’ a un representante do ultradereitista colectivo denominado Abogados Cristianos de España, branqueando o discurso de odio, neofascista e negacionista nun feito insólito nunha institución democrática do país.
Este Comité non ten noticia de ningunha corporación municipal galega, ningunha deputación nin o Parlamento galego que teña aberto a porta das institucións que representan a democracia e nos que se defenden e protexen os valores cívicos e democráticos.
O Comité considera esgotada a vía municipal despois de que o grupo do alcalde, Celanova Decide, se unise o PP para rexeitar o debate da moción rexistrada por este Comité na que se demandaba a aplicación da Ley de 2007 sobre o símbolo fascista que foi presentada con antelación a todos os grupos (agás o PP, que ignorou o convite). Un mes despois de presentada a moción, só o BNG asumiu o texto e a necesidade do debate, o PSOE esperou o pleno para apoiar que se debatese, pero o PP (6 concelleiros) e Celanova Decide (4) fixeron valer a súa maioría impedindo o debate.
O Partido Popular, por boca do seu portavoz, ex alcalde e na actualidade parlamentario, Xosé Luis Ferro, indicou que eles están a favor de eliminar símbolos fascistas pero que non están a favor de eliminar este porque non o consideran un símbolo fascista “e se están a atacar outras cousas”. Non dixo cales. O Comité lembra que durante os anos do goberno de Xosé Luis Ferro non se retirou ningún símbolo fascista en Celanova en cumprimento da Ley de 2007.
O pleno celebrouse con medidas moi restritivas impostas polo alcalde, cunha limitación de aforo que deixou público fóra. Ademais, desde minutos antes do comezo da sesión e durante toda a sesión fíxose visíbel na praza Maior e nas inmediacións un despregue da Guardia Civil inusitado, con até cinco parellas e vehículos policiais, ademais da Policía Local. O Comité descoñece a xustificación deste despregue policial e considérao un acto intimidatorio gratuíto.
Cando, rematado o pleno, chegou a quenda reservada o ‘escano cidadán’ na que o Comité tiña concedida a palabra, o Comité abandonou a sala. Saíu tamén o concelleiro do BNG. Ficaron dentro os representantes do PP, Celanova Decide e PSOE.