Redacción •  Galicia •  08/05/2024

Ecoloxistas en Acción leva á Fiscalía a mina da Penouta por contaminación con metais pesados

  • Ecoloxistas en Acción denuncia que os niveis de cadmio nun rego próximo á mina da Penouta superan 112 veces o máximo legal, mentres que os de arsénico están 30 veces por riba dos límites permitidos.
  • A organización ecoloxista califica de ‘temeraria’ a intención da empresa de reanudar os traballos a pesar da paralización cautelar imposta pola xustiza.
Ecoloxistas en Acción leva á Fiscalía a mina da Penouta por contaminación con metais pesados

Ecoloxistas en Acción ven de presentar unha denuncia ante a Fiscalía de Ourense contra a mina da Penouta, propiedade da empresa canadense IberAmerican Resources, logo de que as analíticas realizadas por un laboratorio acreditado en cauces fluviais e traídas de auga aledaños á explotación mineira mostraran niveis alarmantes de metais pesados. Os resultados confirman as denuncias previas de Ecoloxistas, que xa instara a paralización da actividade ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O tribunal estimou esta medida cautelar o pasado mes de outubro á vista do risco sobre a Zona de Especial Conservación de Pena Trevinca e ante a ausencia dunha avaliación de impactos sobre a Rede Natura 2000.

Nun dos regos situados augas abaixo da mina, precisamente dentro da Rede Natura 2000, os valores de cadmio, substancia tóxica e canceríxena, superaban 112,5 veces o valor máximo permitido polas normas de calidade ambiental, mentres que os valores de arsénico tamén estaban 30 veces por riba do nivel legalmente permitido. No caso da traída de augas analizada, superábase igualmente o límite máximo para arsénico en augas de consumo humano. Estes feitos puxéronse igualmente en coñemento da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

As análises revelan ademais que os niveis de metais pesados son máis altos dos que a empresa mineira medira fai 10 anos, con anterioridade ao inicio da explotación, de modo que a contaminación non pode atribuirse á antiga atividade dos anos 80. Por iso, na denuncia formulada tanto contra a empresa mineira como contra os principais directivos de IberAmerican Resources, exponse que estes serían presuntamente responsables dun delito contra o medio ambiente e os recursos naturais, na súa modalidade agravada de risco para a saúde das persoas.

Reinicio da explotación

Ecoloxistas en Acción considera temerario que a empresa anunciara a semana pasada que reiniciaría os traballos de explotación, a pesar da suspensión cautelar dictada polo Tribunal Superior de Xustiza, agora recurrida pola empresa ante o Tribunal Supremo. Para facelo, escúdase en que apenas reprocesará os lodos almacenados nos depósitos de residuos, pero para a organización ecoloxista isto implicará por en risco de ruptura unhas balsas que xa están en situación crítica e cuxas fugas son precisamente responsables da contaminación existente.

Ademais de personarse no recurso da empresa ante o Tribunal Supremo, Ecoloxistas en Acción indica que a gravidade da contaminación xustifica que se adopten novas medidas cautelares a nivel penal para impedir os danos á saúde das persoas e aos ecosistemas. Tamén esixen á Xunta deixar de encubrir os danos ambientais causados pola empresa, na que precisamente traballa o presidente da Cámara Oficial Mineira de Galicia, Juan José López Muñóz.


minas /