Redacción •  Galicia •  08/09/2021

CCOO insta a Xunta a facer «política real» ante a minoración do emprego polo remate das contratacións estivais

A central sindical insta ao Goberno galego a «abandonar o márketing político e facer política real» para afrontar os problemas do mercado de traballo a nivel autonómico. Os datos últimos datos do paro rexistrado revelan que o desemprego se reduciu en agosto «de maneira testemuñal» —só un 0,44 %—, mentres que a afiliación á Seguridade Social caeu un punto respecto do mes anterior. Isto evidencia a fin da contratación estival e o retorno á minoración do emprego, segundo a análise de Comisións Obreiras.

CCOO insta a Xunta a facer «política real» ante a minoración do emprego polo remate das contratacións estivais

En agosto, o paro rexistrado reduciuse en 670 persoas —5784 no mes de xullo, oito veces máis—, unha porcentaxe do 0,44 % que contrasta coa media estatal (2,42 %). Así, a cifra de persoas desempregadas en Galicia sitúase en 151 264 —con todo, un 14,52 % menos ca o mesmo mes do ano anterior.

A afiliación á Seguridade Social no último día de agosto reduciuse en 11 769 persoas (-1,14 %) con respecto ao mesmo período do mes anterior e contrasta co aumento de 3197 persoas que recolle a variación da media mensual. Isto significa que se destruíu emprego nos últimos días do mes. Sexa como for, a afiliación supera o millón de persoas afiliadas.

A secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, sinala que estas cifras, aínda que positivas, certifican un cambio de tendencia e a fin do verán no que respecta á creación de emprego. Ademais, a contratación, un mes máis, segue a ser precaria, coa temporalidade como fórmula maioritaria de acceso ao mercado laboral. A contratación «cae drasticamente» no mes de agosto, con 20 941 contratos rexistrados menos ca en xullo, o que significa unha diminución do 20,7 %. Dos 80 231 contratos rexistrados, 74 095 foron temporais —92 % dos totais.

A sindicalista critica o uso «fraudulento e abusivo» da contratación temporal, que cualifica como unha das «graves eivas estruturais» do mercado de traballo en Galicia, con especial prexuízo para as mulleres e a mocidade.

Segundo Bouza, os datos do paro e da afiliación «avanzan un cambio de tendencia» nos principais indicadores do mercado laboral galego nos próximos meses. A evolución do desemprego, aínda que positiva, vese «ensombrecida» polo dato de afiliación de final de mes, pola precariedade e pola temporalidade —o groso do emprego que se crea é temporal «e con data de caducidade», insiste Bouza—. Asemade, segue habendo máis de 151 200 persoas en paro e case 11 000 en ERTE.

Por todo isto, a secretaria de Emprego de CCOO reivindica un modelo de desenvolvemento orientado a actividades de maior valor engadido, diversificado, que potencie a industria e cumpra criterios medioambientais de economía circular. Na mesma liña, o incremento do SMI —que se está a debater no seo do diálogo social estatal— e a derrogación das reformas laborais «contribuirían a mellorar as condicións de traballo e a unha maior equidade na distribución da renda», apunta Bouza.

Análise por sexos e sectores

O desemprego diminúe en ambos os sexos, pero cunha intensidade ben diferente: entre as mulleres hai só 28 desempregadas menos, mentres que entre os homes son 698 desempregados menos. Isto fai que as mulleres teñan cada vez máis peso no desemprego galego (un 59 % do total). Ademais, o paro sobe nas persoas menores de 25 anos (168 máis), ao tempo que se reduce nas maiores (838 menos).

O paro diminúe en todos os sectores de actividade: 328 menos nos servizos, 230 menos na industria, 96 menos na construción e 56 menos no primario. Porén, sobe en 40 persoas no colectivo sen emprego anterior.

Análise da contratación

En agosto rexistráronse en Galicia 80 231 contratos, dos cales 74 095 foron temporais; isto é, só oito de cada dez contratos foron indefinidos. En termos mensuais, a contratación redúcese un 20,7 %, mentres que en termos anuais o incremento é dun 24,58 %.

Afiliación á Seguridade Social

Canto á Seguridade Social, a afiliación media mensual subiu en 3197 persoas, situando o número de persoas traballadoras afiliadas por riba do millón (1 039 470). Destas, 809 404 corresponden ao réxime xeral, 209 745 ao de autónomos e 20 322 ao réxime especial do mar.

Se a comparativa se fai cos datos do último día de mes, a afiliación cae en -11 769 persoas, ata situarse en 1 027 491 afiliados e afiliadas, o que supón unha caída do 1,1 % respecto de xullo.

Prestacións por desemprego

En xullo cobraron algún tipo de prestación por desemprego 89 218 persoas: 41 442 prestacións contributivas e 47 776 subsidios. Do total de prestacións contributivas, 22 380 seguen correspondendo ao mecanismo dos ERTE, garantía de mantemento de emprego acordado entre os axentes sociais e o Goberno central.

Ao remate de agosto, os ERTE daban cobertura a 10 810 persoas (2201 menos que en xullo). Do total de persoas en ERTE, 1922 son en ETOP (736 menos), 2654 de forza maior (453 menos) e 6234 nos de limitación ou impedimento (1012 menos). Por sexos, as 4698 das persoas en ERTE son homes e 6112 mulleres; se atendemos á súa xornada, 3775 son a tempo parcial e 7035 a xornada completa.


CCOO /  CCOO Galicia /  Xunta de Galicia /