Redacción •  Galicia •  08/09/2024

BNG acusa o PP de querer facerse co dominio absoluto dos medios públicos para manter o control político dos mesmos

  • Olalla Rodil esixe a retirada do anteproxecto de lei sobre a Crtvg por consideralo un “asalto” aos medios públicos e un “retroceso democrático”.

BNG acusa o PP de querer facerse co dominio absoluto dos medios públicos para manter o control político dos mesmos

A viceportavoz primeira do BNG, Olalla Rodil acusa o PP de querer facerse co dominio absoluto dos medios de comunicación públicos para manter o control político dos mesmos a través do anteproxecto lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galiza que a Xunta impulsou o pasado mes de xullo e que considera un “asalto” á radio e á TV públicas e un “retroceso democrático”.

“Pedirémoslle ao PP no Pleno do Parlamento a retirada do anteproxecto de lei da Crtvg”, dándolles tamén voz ás organizacións e colectivos sociais que, desde que se coñeceu o texto da lei, viñan reclamando a súa retirada porque “supón un enorme retroceso democrático” e un “asalto” á radio e TV públicas de Galiza para que o PP “siga instrumentalizando e poñendo ao seu servizo como se se tratase do seu terminal de propaganda”, afirmou.

Rodil advertiu ademais que, nas últimas semanas e días o PP, “está pisando o acelerador poñendo a radio e a televisión públicas de Galiza ao seu servizo de maneira impúdica”.

Neste sentido, o BNG vén de rexistrar por urxencia unha pregunta sobre a actitude dun directivo da Radio Galega que, despois da presentación do informe do Consello da Cultura Galega sobre o impacto da implantación de Altri no concello de Palas de rei, atreveuse a cuestionar que esta institución pública tivese lexitimidade para emitir un informe sobre un proxecto destas características.

“Non sabemos se por ignorancia ou directamente mala fe” sinala Rodil, o que quedou claro, segundo a deputada foi “a intención de menosprezar e atacar un informe elaborado por unha institución estatuaria e por persoas de recoñecido prestixio académico e profesional”, recalca.

Manifesta que o BNG denunciou en múltiples ocasións a “falta de pluralidade nos espazos de opinión na Crtvg,, especialmente nos faladoiros da Radio Galega, onde é evidente, e cada vez máis palmario, que non se atopa representada neles, pola súa composición, a diversidade e pluralismo que integra a sociedade galega”, afirma.

Porén, engade, “nesta nova temporada inaugurada en setembro, a Radio Galega foi un paso máis aló e incorporou nas mañás unha intervención diaria do xefe de informativos da canle na que presenta as “chaves do día”. Advirte que, “lonxe de ser unha descrición ou presentación informativa dos asuntos que están en axenda ou aqueles que son máis destacábeis da xornada, atopamos un opinador que actúa –temos que dicilo con todasas letras– como voceiro dos intereses do Partido Popular na Xunta. Sen o máis mínimo pudor”, recriminou.

A deputada nacionalista lembra que a Crtvg ten entre as súas obrigas “a diferenciación clara entre opinións e informacións alén de “constituír un principio fundamental do xornalismo de calidade”, tal e como se recolle na lexislación que regula a Corporación.

“Presentar unha columna como informativa para dar conta dos asuntos chave da xornada para, a seguir, convertela nun recital do argumentario do Partido Popular é indigno dun medio de comunicación, máis aínda público”, subliñou.

Neste sentido, na pregunta urxente, o BNG quere saber se o PP cre que se está a respectar na CRTVG a separación entre información e opinión, se considera admisible en termos democráticos e xornalísticos que se use a Radio Galega e unha sección supostamente informativa para facer de altofalante das posicións do PP, e se vai adoptar a dirección xeral algunha decisión ao respecto.

A viceportavoz 1ª incide en que “desde o BNG seguimos defendemos que os medios de comunicación públicos de Galiza “pertencen única e exclusivamente ás galegos e aos galegas”, e que “é á sociedade e ao pobo galego a quen se deben”. Ademais, “deben ser reflexo do pluralismo e da diversidade que existen na sociedade galega. Non poden ser utilizadas polo PP como se se tratase do seu gabinete de propaganda”, acusa.

Retirada do anteproxecto e negociación política e diálogo coa sociedade

En canto ao anteproxecto de lei, cuxa retirada pedirá no primeiro Pleno da temporada o Bloque, o PP introduce tres grandes cambios de maneira destacada: O nomeamento da Dirección Xeral, que se producirá por maioría absoluta, deixando en mans do Partido Popular en solitario a súa remuda; a supresión dos órganos de control e participación profesional previstos na Lei 9/2011, é dicir, a desaparición do Estatuto Profesional e do Consello de Informativos que, cómpre lembrar, o Partido Popular vetou durante máis dunha década; e por último, a posibilidade de uso de linguas diferentes ao galego o que supón un ataque directo aos dereitos lingüísticos de Galiza así como aos principios fundacionais da Crvtg desde a súa creación en 1984.

Rodil reclama a retirada dese anteproxecto de lei e pide que ademais “se abra un proceso de negociación política pero tamén de diálogo co conxunto da sociedade galega para poñer os medios de comunicación públicos deste País ao servizo dos seus únicos e lexítimos propietarios que son as galegas e os galegos, para cortar de raíz ese control e esa man de ferro co que o Partido Popular os está estrangulando”, advirte.

Recorda que o Goberno do PP leva catorce anos incumprindo a lei que regula os medios de comunicación públicos de Galiza co obxectivo de poñelos ao seu servizo”, para reivindicar a radio e televisión de Galiza como un “servizo público e un dereito fundamental”, que, afondou, “débense pois ao conxunto da sociedade galega que é quen os sostén con máis de cen millón de euros públicos ao ano”, salientou..

“Para o BNG este anteproxecto de lei é simplemente inadmisible e inaceptable en termos democráticos pois pretende exercer un control político aínda maior sobre uns medios de comunicación públicos xa asfixiados polo PP nos últimos anos”, rematou.


Medios de Comunicación /