Ourense segue en pé contra a invasión eólica e reclama unha moratoria inmediata
- Mobilización en Cartelle contra a política da Xunta que pretende excluír ao ecoloxismo da planificación eólica e por “unha transición enerxética social e territorialmente xusta”.
![Ourense segue en pé contra a invasión eólica e reclama unha moratoria inmediata](https://www.tercerainformacion.es/wp-content/uploads/2025/02/Concentracion-en-Cartelle-este-domingo-950x0-c-default.jpg)
Veciñas e veciños de Cartelle, das comarcas de Celanova e O Ribeiro e activistas de Ourense concentráronse esta mañá na alameda de Cartelle -onde unha compañía de capital aragonés e madrileño ten en marcha un macroproxecto híbrido, de explotación eólica e fotovoltaica que supera os 50 Mw de potencia e pretende instalar, entre outras infraestruturas, aeroxeradores de 220 metros sobre o Coto Novelle- para denunciar que o anuncio, por parte da Xunta, dun novo plan eólico para Galiza «nace sendo unha absoluta fraude», porque «a súa finalidade non é planificar a implantación ordenada da eólica no país, senón reafirmar a vontade clara e inequívoca da Xunta de burlar as decisións xudiciais e esquivar as paralizacións cautelares de proxectos eólicos».
No marco dunha mobilización nacional convocada pola Coordinador Eólica Así NON, con concentracións este domingo en todo o país, os movementos sociais esixiron «suspender antes de calquera ordenación todo os proxectos eólicos e liñas de evacuación que se atopan en tramitación, ou que foron autorizados recentemente e non executados». E insistiron: «Unha nova planificación do sector terá que vir da man dunha necesaria moratoria eólica».
O anuncio de Rueda da nova ordenación «excluirá das mesas de diálogo social as organizacións ecoloxistas e a todas aquelas entidades veciñais e sindicais que somos críticas co espolio eólico do país. Isto non ten outro nome: chámase censura e represión», incidiron os convocantes na lectura dun manifesto en Cartelle, no que ademais pediron que «ás administracións públicas afronten a transición enerxética de Galiza desde o respecto escrupuloso dos principios democráticos e de participación pública«, e que sexa «unha transición enerxética social e territorialmente xusta«.
A mobilización en Cartelle, organizada polos colectivos Aira das Bestas, Afiando o vento, Amigas das Árbores de Ourense, Amigas das Cegoñas, Amigas da Terra, Asociación cultural e medioambiental Tarabelada, Asociación Cultural Follas Vivas Lois Antón de Ramirás, C.S. A Alvariça de Allariz, Ecologistas em ação Galego-Trasmontano, Movemento Ecoloxista da Limia, Plataforma comarcas Limia – Verín Non ás Minas, Salvemos A Serra Martiñá, Salvemos o Támega ADEGA Monterrei e Stop Eólicos A Limia Xurés Celanova, rendeu ademais unha homenaxe ao activista medioambiental Miguel Ángela Novoa Martínez, fundador do MEL falecido recentemente e un dos impulsores da loita contra a invasión eólica nas comarcas da Limia e Terrra de Celanova..