Redacción •  Galicia •  09/03/2024

As mulleres da CIG claman contra a precariedade, a escravitude do século XXI

  • CIG denunciou que esa precariedade é a que caracteriza a situación laboral da maior parte das traballadoras en Galiza.
As mulleres da CIG claman contra a precariedade, a escravitude do século XXI

As mulleres da CIG tomaron prazas e rúas de cidades e vilas galegas este venres, Día Internacional da Muller Traballadora, para denunciar a precariedade que padecen -a escravitude do século XXI- en forma de contratos temporais, fixos descontinuos ou a xornadas parciais; rexeitar as desigualdades campantes no mercado laboral e reclamar traballo digno.

Nese sentido se pronunciou a secretaria das Mulleres da CIG, Nicolasa Castro Monteiro, que denunciou que esa precariedade é a que caracteriza a situación laboral da maior parte das traballadoras en Galiza. Unha situación que se inicia no momento mesmo no que as mozas acceden ao seu primeiro traballo e que dá nunhas condicións de xubilación indignas achegándose a fenda salarial das pensionistas ao 34%.

Castro quixo, por iso, incidir na reivindicación de clase da conmemoración do 8 de Marzo, que ten que ser, dixo, unha xornada “combativa” na que as traballadoras remuneradas cun salario, xunto coas desempregadas e as que dan o seu traballo de balde para soster as condicións de vida das familias denuncien xuntas todas as discriminacións que sofren polo feito de ser mulleres.

Lembrou, xunto a isto, a campaña contra a fenda salarial iniciada en xuño de 2023, de denuncias de empresas que non entregan os rexistros salariais ou que o fan deficientemente. Actuacións que considerou que “demostran o interese por seguir ocultando a discriminación salarial que se segue a producir por diferentes vías: salarios máis baixos nos sectores de actividade con representación maioritaria de mulleres; aplicación de convenios diferentes para actividades similares na mesma empresa; aplicación de categorías diferentes, con menor compensación para as traballadoras ou recoñecemento de habilidades ou condicións que poden desempeñar con maior facilidade os homes”, entre outras.

Necesidade dun cambio social

A secretaria das Mulleres denunciou ademais que a incorporación das mulleres ao traballo remunerado “non veu acompañado dun cambio de modelo social en que o coidado á familia e persoas dependentes sexa asumido polas institucións públicas e repartido de forma equitativa entre as persoas adultas sen importar o xénero”.

Por iso considerou que a distribución sexual do traballo “segue lastrando as condicións laborais e formativas das mulleres” e reclamou “unha revalorización dos traballos de coidados e servizos públicos de coidados accesíbeis a todas as persoas”.

Canda isto quixo salientar a eclosión na conflitividade laboral protagonizada por traballadoras de diferentes sectores, desde as traballadoras do SAF, das residencias de persoas maiores, de centros de menores, da saúde, de educación infantil ou do comercio e, nomeadamente, a das mulleres da limpeza de Lugo, das que, afirmou “nos sentimos especialmente orgullosas pola súa capacidade de resistencia”.

Loitas que Castro entende que están demostrando “que as traballadoras na Galiza xa non aturamos ser seres humanos de segunda, que exiximos condicións de traballo e salarios dignos, xubilación digna, facilidades para a conciliación da vida familiar e laboral e servizos públicos de calidade”.

A secretaria das Mulleres da CIG aproveitou tamén para facer un chamamento a participar nas mobilizacións do feminismo galego nesta tarde, nomeadamente nas convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres.

Ao remate das manifestacións representantes dos distintos sectores deron conta das múltiples desigualdades que sofren as traballadoras.


8M /