Redacción •  Galicia •  09/03/2025

O feminismo galego de clase toma as rúas para esixir traballo, igualdade e salarios dignos

  • Centos de traballadoras mobilizáronse por todo o país este 8 de Marzo convocadas pola Secretaría das Mulleres da CIG.
O feminismo galego de clase toma as rúas para esixir traballo, igualdade e salarios dignos

O feminismo galego de clase organizado na CIG tomou rúas e prazas de todo o país este sábado 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres Traballadoras, para esixir “traballo, igualdade e salarios dignos nunha Galiza con dereitos”. Milleiros de traballadoras mobilizáronse para denunciar as discriminacións que seguen a padecer e alertar de que a lexislación en igualdade non serviu para reducir e eliminar a fenda salarial nin para garantir unha valoración xusta dos traballos feminizados e unhas retribucións iguais para traballos de igual valor.

A secretaria das Mulleres da CIG, Nicolasa Castro, participou na manifestación de Vigo, a cuxo remate tomaron a palabra traballadoras de sectores feminizados como o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), residencias de maiores, sanidade privada e traballadoras das escolas infantís de 0 a 3 anos para explicar as súas problemáticas laborais.

A continuación deuse lectura a un manifesto para lembrar que cada 8 de Marzo as traballadoras ocupan o espazo público “para reivindicar a igualdade que aínda está lonxe” e en lembranza de todas as mulleres das clases populares “que a historia patriarcal esqueceu e que hoxe son para nós referente de autoorganización e de loita: as que hai máis de cen anos se arrepoñían contra as inxustizas, de Oseira a Nebra, de Narón a Sofán e Sobredo; as dos tumultos da segunda década do século pasado contra a suba de prezos nos alimentos e produtos básicos; as labregas enfrontadas aos caciques e á garda civil; as dos motíns polos dereitos laborais da cigarreiras”.

E incidir en que as denuncias de Rosalía de Catro seguen “plenamente vixentes” na actualidade, “cando falaba das penurias das mulleres das clases populares, da cousificación das mulleres, do individualismo egoísta, da dependencia de Galiza a respecto do Estado, da súa crítica profunda da burguesía co seu arsenal de novas imposicións e dogmas que non fixeron máis que afondar nas discriminacións e na precariedade que sufrimos as mulleres traballadoras”.

No texto apélase tamén á importancia dunha data “na que denunciarmos as violencias e discriminacións que se exercen sobre todas nós, cuestionando os privilexios no marco dunha estrutura social que se basea en asimetrías e xerarquías que reproducen desigualdades, e apostando por saírmos ás rúas para visibilizar e esixirmos os nosos dereitos”.

Parcialidade na contratación

Como por exemplo o que acontece cos coidados, “que na pandemia o neoliberalismo esixía poñer no centro das políticas mais no canto de incrementar o investimento público en sanidade e servizos sociais produciuse un medre da oferta de emprego relacionado coa súa mercantilización”.

De igual xeito, a precariedade dos traballos feminizados está relacionada coa maior parcialidade na contratación, a temporalidade e os baixos salarios. De feito, a maior parte da porcentaxe da fenda salarial orixínase nesa temporalidade e parcialidade, ao que hai engadir a desvalorización dos traballos feminizados, nomeadamente os de coidados, a pesar de seren esenciais.

“A última reforma laboral foi vendida como unha ferramenta para rematar coa precariedade, especialmente entre as mulleres; pero en realidade non fixo máis que alongar as fendas de xénero existentes antes da súa aprobación porque máis da metade dos contratos fixos-descontinuos están subscritos por mulleres, menos da metade das mulleres teñen contratos indefinidos a tempo completo, a porcentaxe de mulleres a tempo parcial con contrato indefinido non chega ao 20%, a porcentaxe de mulleres con contrato temporal case chega ao 30% e a inmensa maioría dos contratos a xornada parcial foron asinados por mulleres”.

Aumento do SMI

Polo tanto, atallar a parcialidade involuntaria, sexa por coidados ou por outros motivos, é esencial para reducir a precariedade laboral e a fenda de xénero. Unha fenda salarial que aínda que en termos absolutos aumentou até os 4687 euros en 2023 (o 18,4%). Ademais, a proporción de mulleres con ingresos inferiores ao SMI incrementouse até o 40,5% en 2023. “Polo que termos un salario non significa deixarmos de ser pobres”. Por iso unha das reivindicacións da CIG é a de situar o SMI nos 1320,04 euros (o 60% do salario medio no Estado español, como recomenda a Carta Social Europea).

E outras pasan pola ampliación dos permisos retribuídos, facilitar as adaptacións de xornada e dispor duns servizos públicos que cubran as demandas reais e sirvan de apoio ás mulleres traballadoras con persoas maiores, crianzas e dependentes a cargo. “Tamén temos dereito a traballar sen sermos acosadas ou violentadas, polo que esiximos que se elaboren e cumpran os plans contra o acoso nas empresas e que a inspección estea vixiante e castigue de forma exemplar a violencia contra as mulleres no traballo”.

Finalmente, no manifesto faise fincapé en que os avances na consecución dos dereitos das mulleres virá da loita “como mulleres e como traballadoras”. Porque “a mobilización é o único camiño para conseguir traballo, igualdade e salarios dignos”.

Unha vez rematada a lectura Nicolasa Castro fixo un chamamento a participar nas mobilizacións convocadas polo feminismo galego pola tarde, nomeadamente nas promovidas dende a Marcha Mundial das Mulleres.


8 de marzo /