Redacción •  Galicia •  09/04/2022

Ana Pontón, ante a crise de prezos: “Un goberno do BNG impulsará a tarifa eléctrica galega, impostos ás eléctricas, rebaixas de peaxes e axudas extraordinarias para os sectores produtivos”

  • A nacionalista pide rematar cun “goberno paralizado” e un presidente “en funcións” máis preocupado por resolver a sucesión e loita interna de poder das baronías que dos problemas dos galegos e galegas.
Ana Pontón, ante a crise de prezos: “Un goberno do BNG impulsará a tarifa eléctrica galega, impostos ás eléctricas, rebaixas de peaxes e axudas extraordinarias para os sectores produtivos”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, afirmou que ante a crise económica como a que estamos vivindo, “un goberno do BNG na Xunta impulsaría a tarifa eléctrica galega, impostos ás eléctricas, rebaixas das peaxes, axudas para os sectores produtivos e medidas sociais para as familias máis vulnerables.

Na súa visita a Lugo, Pontón aludiu á situación política galega e a volta de Feixóo a Galiza tras a súa xira como presidente do Partido popular da que dixo,  os galegos e galegas non merecemos ter un “presidente parcial e un goberno paralizado na Xunta” máis pendente da “sucesión interna no Partido popular” que dos problemas da cidadanía.

Hoxe, dixo, Pontón, a Xunta celebra o seu Consello e agardamos desta reunión “algunha medida” para paliar a crise económica. Levamos dous meses nos que a Xunta non “tomou ningunha medida” ante a escalada de prezos e moito nos tememos que hoxe volveremos a ver “fume” en vez de medidas reais para as persoas que non poden pagar a luz a final de mes e a subida dos carburantes. Dende o BNG, afirmou, tomariamos medidas contundentes para defender “unha tarifa eléctrica galega para beneficiarnos da riqueza eléctrica en Galiza, subirlle os impostos ás eléctricas para que contribúan a paliar a crise e rematar cos “beneficios caídos do ceo”, poñer en marcha unha batería de axudas extraordinarias para os sectores produtivos, prezos xustos para cumprir coa cadea alimentaria, reducir as peaxes das autoestradas e incrementar as axudas sociais”.

Estas, recalcou a nacionalista, “serían as medidas que estaría impulsando un goberno dirixido polo BNG”, un goberno centrado en ofrecer solucións aos problemas dos galegos e galegas pero lamentablemente estamos ante un goberno  da  Xunta “paralizado por unha crise de corrupción do Partido Popular, que estes días volve a agromar”.

A xuízo da líder os BNG, “as augas no PP non van tranquilas e existe unha loita de poder entre as  baronías” e o máis grave, é que na maior crise dos últimos 37 anos , “o Goberno galego está fóra de xogo”.

Os galegos e galegas recalcou Pontón, “merecen respecto” e pedimos “ao presidente da Xunta en funcións e ao goberno que aparquen o seu sudoku interno  e a guerra interna de  poder” que hipoteca o futuro de  Galiza.

Os gobernos do BNG impulsan cidades para as persoas,  non para os coches

Tras a súa visita A Mosqueira en Lugo, a portavoz nacional do BNG afirmou que esta actuación urbanística responde “ao cambio da cidade” impulsado pola entrada do BNG no goberno municipal, hai dous anos e medio. Nese momento, explicou xa deixamos claro que viñamos a mellorar a calidade de vida  e a dinamizar o goberno municipal.

Neste sentido, afirmou que a transformación urbana debe procurar “cidades  para as persoas e non os coches”. Temos que acadar espazos urbanos accesibles e  igualitarios e iso responde a unha esa concepción política en base a un novo modelo de cidade, como xa acontece en Pontevedra. As cidades do século XXI deben estar ao servizo da cidadanía e  ser motor de economía.

Pontón parabenizou ao equipo municipal do BNG e ao tenente de Alcalde, Rubén Arroxo por impulsar a transformación da cidade de Lugo.


consumo /  inflación /