Redacción •  Galicia •  09/05/2022

Rexeitan unha nova megamina de litio do Barroso, en Portugal

  • Ecoloxistas en Acción denuncia que o proxecto mineiro sitúase dentro da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Xurés-Gerês.
  • A organización ecoloxista subliña que se trata do segundo macroproxecto mineiro na raia, sen que se consideren os impactos acumulativos das explotacións propostas.
Rexeitan unha nova megamina de litio do Barroso, en Portugal

Ecoloxistas en Acción ven de rexistrar unha batería de alegacións contra unha nova megamina de litio do Barroso, xusto un ano despois de que tamén fose sometida a consultas transfronteirizas a denominada Mina do Barroso, da británica Savannah Resources. Neste caso, trátase doutro proxecto moi próximo, no concello de Montalegre, especialmente polémico porque a empresa Lusorecursos viuse obrigada a retiralo o ano pasado pola falta de calidade técnica.

O proxecto está sometido ao trámite de avaliación de impacto ambiental transfronteiriza, que iniciou o Ministerio para a Transición Ecolóxica logo de avaliar a documentación remitida pola Embaixada de Portugal, á vista da escasa distancia entre a mina proposta e a fronteira.

O proxecto de enormes dimensións contempla a construcción dun grande depósito de residuos mineiros de máis de 20 millóns de toneladas de materiais que, segundo Ecoloxistas en Acción, ten potencial de contaminar amplas zonas con metais pesados. Ademais, denuncian, o proxecto non conta cun estudo radiolóxico, a pesar de que se trata dunha formación xeolóxica que contén minerais radioactivos.

O proxecto encóntrase en plena Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés, que inclúe os concellos galegos de Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños, e que non foron nin consultados sobre os efectos. O goberno portugués ven impedindo sistematicamente o acceso á información ambiental, a pesar das solicitudes por parte de entidades galegas e portuguesas. Este impedimento motivou xa recursos ante a Comisión de Acceso a Documentos Administrativos e accións xudiciais ante o Tribunal Administrativo Central de Lisboa e ante o Comité de Cumplimiento da Convención de Aarhus, das Nacións Unidas.

Ausencia de trámite transfronteirizo do lado galego

O caso da Mina do Barroso evidencia a importancia das consultas ambientais transfronteirizas que, sen embargo, a Xunta de Galicia ven impedindo nos proxectos mineiros que tramita literalmente ao pé da fronteira. Entre outros casos, Ecoloxistas en Acción xa denunciou a concesión de explotación “San Juan” de estaño e volframio na Gudiña, que non só afecta directamente ao LIC Pena Maseira do lado galego, dentro da rede Natura 2000, máis está a apenas a 1 km de distancia do Parque Natural de Montesinhos, en Portugal, a pesar do que a Xunta de Galicia non tramitou no seu día o preceptivo procedemento de avaliación de impacto ambiental trasfronteiriza.


minas /