BNG exixe denegar a autorización dos parques eólicos tramitados polo MITECO informados negativamente pola Xunta de Galiza
- Rego alerta da tramitación de 65 parques eólicos, a cargo do Goberno do Estado, que pretenden implantarse en zonas fóra das áreas de planificación eólica e que afectarían a Rede Natura.
- A organización nacionalista demanda revisar os criterios estabelecidos para a autorización dos proxectos eólicos e que prime a protección ambiental e social por riba dos intereses das compañías eléctricas.
O informe negativo remitido pola Xunta de Galiza en relación ás autorizacións de proxectos eólicos que dependen do MITECO avala os milleiros de alegacións cidadás e o movemento social contrario á instalación no territorio galego destes parques por non respectar o medio natural, o patrimonio nin o benestar das persoas. Neste sentido, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra novas iniciativas para que o Goberno do Estado respecte a decisión da Administración galega e denegue a tramitación dos 65 proxectos de parques eólicos informados negativamente e que prime a protección ambiental e social por enriba dos intereses das compañías eléctricas.
Nos dous últimos anos, as solicitudes para a instalación de parques eólicos na Galiza multiplicouse de maneira exponencial. No mes de xuño atopábanse en tramitación un total de 275 proxectos, de 11.200 MW, o que triplicaría a potencia eólica instalada a día de hoxe no País. Até o momento, a Administración galega rexeitou un total de 149 proxectos que sumaban aproximadamente 7.500 MW. “Galiza xa é un dos territorios con maior número de parques na Europa, cunha media de 115 KW por cada quilómetro cadrado mentres que a media do Estado se sitúa en 46 e a media de Alemaña está en 73 KW” explica o deputado do BNG.
Rego destaca que os proxectos de parques eólicos que superan os 50 MW deben tramitarse a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica, sendo polo tanto a administración competente para autorizar, a pesar de que a Xunta considere que a súa situación afecta negativamente ao medio e ás persoas.
“A principal razón pola que estes proxectos contan cun informe negativo por parte da Xunta de Galiza é que solicitan implantarse fóra das áreas de desenvolvemento eólico e mesmo que invadirían espazos protexidos pola Rede Natura ou que se solapan con parques eólicos xa existentes” destaca Rego. De seguir adiante coa autorización deste proxectos, o deputado nacionalista salienta que “suporía unha laminación das competencias da Galiza en materia de ordenación do seu territorio, de protección do medio ambiente e das persoas”.
Paralelamente a este informe, cabe destacar o aumento da presión social e veciñal en contra da localización e implantación de megaparques eólicos na Galiza polo seu gran impacto. Ademais das numerosas plataformas veciñais e cidadás creadas no País demandando a paralización dos proxectos eólicos, o BNG xa reclamou reiteradamente a necesidade de coordinación entre Ministerio e Goberno galego para realizar unha Planificación Eólica conxunta asentada en “criterios de proporcionalidade, racionalidade e equilibrio, que protexa ás persoas, o patrimonio natural e cultural respectando o desenvolvemento e mantemento de actividades de aproveitamento agrícola e forestal”.
Ademais de exixir ao MITECO que rexeite os 65 proxectos de parques eólicos informados negativamente pola Xunta de Galiza, a organización frentista tamén demanda do Ministerio que sexa “máis exixente cos criterios para autorizar proxectos de parques eólicos e que se respecten as competencias galegas”, apunta o deputado nacionalista, “é necesario revisar o actual sistema de autorización”.
De facto, Néstor Rego lembra que durante a negociación para a convalidación do Real Decreto Lei 6/2022, o BNG logrou que fora tramitado como proxecto de lei para así, poder introducir emendas que garantisen o mantemento da participación pública nos procedementos de autorización de proxectos de enerxías renovábeis, como o caso de megaproxectos de parques eólicos e a exixencia dunha Declaración de Impacto Ambiental.