Antón Sánchez: «Feijóo fala de planificación enerxética cando o que defende son máis privilexios para grandes empresas como Repsol, Endesa ou Ence»
O portavoz nacional de Anova bótalle en cara ao presidente da Xunta a súa actitude ao alertar das consecuencias dunha transición enerxética «abrupta» ao tempo que «xoga o papel de servidor dócil dos grandes poderes económicos».
Para Sánchez, o feito de que Alberto Núñez Feijóo se presente en público falando de planificación enerxética pública a carón de xente coma o presidente de Repsol, Antonio Brufau ou de Antonio Couceiro, membro do consello de administración de Greenalia -entre outras compañías- é tan só un acto de cinismo de alguén que únicamente defende os intereses dos grandes empresarios.
O voceiro de Anova recorda que o Goberno Feijóo, en contraste, sempre actuou contra o interés xeral, pois o seu Goberno «nin tiña nin ten a día de hoxe» preparado ningún plan efectivo para buscar alternativas laborais e económicas para as traballadoras e traballadores ante o peche das centrais térmicas, algo que era «ineludible e evidente» dende hai anos.
O responsable político recorda que o PP rexeitou neste senso e en varias ocasións dende 2013 diversas propostas parlamentarias de AGE en En Marea cando xa se albiscaba o eventual peche das centrais térmicas no horizonte 2020-2023. Sánchez recorda que, neste caso en concreto, «a única planificación estratéxica» que se fixo foi a de Naturgy e Endesa co PP como facilitador das súas operacións empresariais.
A ESCANDALOSA FALTA DE PLANIFICACIÓN EÓLICA
Antón Sánchez denuncia por outra banda que a falta de planificación de Feijóo e o seu Goberno foi igualmente escandalosa no sector éolico, pois dende 2010 a 2019 non se instalou prácticamente nin un MW de enerxía eólica e houbo tempo dabondo para «planificar e ordenar» por si se reactivaba a actividade do sector como medidas como solventar a ampliación da Rede Natura, aprobar zonas de exclusión paisaxística, aprobar os plans de recuperación e conservación de especies contando con medidas de protección ante os aeroxeneradores, elaborar un inventario de humidais rigoroso, aprobar un mapa de solos de aptitude agronómica ou elaborar un novo Plan Sectorial Eólico que sustituíse ao de 1997, obsoleto e que, por aprobarse nese tempo, non foi obxeto dunha avaliación ambiental estratéxica, é dicir, unha avaliación que tivese en conta os efectos acumulados do previsto no Plan.
Sen embargo -denuncia o por dúas veces parlamentario autonómico- «nada disto se fixo» senón únicamente cambios facilitadores a prol do interés empresarial coa Lei de Depredación ou coa máis recente Lei de Simplificación Administrativa co obxectivo de «reducir prazos, garantías e posibilidades de participación e transparencia».
«Feijóo fala de planificación cando o que quere dicir é máis privilexios para empresas como Repsol, Endesa ou Ence eludindo ao mesmo tempo calqueira custe de responsabilidades cando é un dos maiores responsables do desgoberno da xente porque está ocupado traballando para o poder económico» -sentencia o portavoz nacional de Anova-.