Redacción •  Galicia •  09/12/2023

Ana Pontón fixa como prioridade dun goberno BNG rescatar o rural cunha política de discriminación positiva de servizos públicos

  • Un ticket rural  de 15.000 euros para facilitar novas iniciativas económicas, entre as medidas impulsadas por un executivo liderado polo Bloque.
  • Critica os 14 anos de abandono do Goberno do PP que deixou sen executar máis de 1.400 M€ orzamentados para o desenvolvemento do medio rural.
Ana Pontón fixa como prioridade dun goberno BNG rescatar o rural cunha política de discriminación positiva de servizos públicos

A portavoz nacional, Ana Pontón, asistiu á Festa da Pisa da Castaña na aldea de Froxán, en Folgoso do Courel, produto no que exemplificou o importante papel que xoga para Galiza o medio rural que, segundo afirmou, hai que recuperar despois de “14 anos de abandono por parte do Goberno do PP”.

“As cifras están aí”, recalcou logo de lembrar que hai 4.000 núcleos rurais abandonados, altos niveis de despoboación -fundamentalmente pola marcha da xente moza, o que tamén provoca un envellecemento maior-, e un recorte continuado dos servizos públicos. “O abandono do PP ten consecuencias porque moitas persoas que quererían seguir aquí, non ven oportunidades para poder facelo”, afondou.

Nesta liña indicou que o Partido Popular “nin tan sequera é capaz de executar os orzamentos que presuposta” deixando sen investir entre 2009 e 2022 máis de 500 millóns de euros da partida destinada a poñer en valor o medio rural e máis de 900 millóns da destinada á dinamización económica do rural. “Estamos falando de 1.400 millóns que nestes últimos 14 anos se tiñan que ter investido no rural e que o PP deixou sen executar con consecuencias que logo padecemos”, recalcou.

Pontón avanzou que o goberno que aspira a presidir terá entre as súas prioridades a posta en marcha dunPlan estratéxico de desenvolvemento do ruralcon medidas concretas como a aplicación dunha política de discriminación positiva en materia de servizos públicos. “O noso medio rural o que necesita non é que lle pechen escolas, senón que as abran”, afirmou en alusión ás 110 unitarias pechadas polo Goberno do PP.

Ao mantemento dos servizos educativos sumou, entre outros, a necesidade de reverter os recortes sanitarios no medio rural e garantir os servizos bancarios porque “sen servizos as persoas non van seguir vivindo no rural”.

A líder nacionalista tamén apuntou medidas de dinamización económica, como é o caso doticket ruralpara o emprendemento, unha axuda anual dun mínimo de 15.000 euros durante cinco anos para poñer en marcha un negocio no rural, unha medida cunha dotación inicial de 30 millóns de euros e que segundo destacou, xa funciona con éxito noutros territorios e sería un revulsivo para fixar poboación e reverter o abandono do medio rural “nun momento no que o noso rural necesita que haxa actividade económica”.

De igual xeito, o plan estratéxico do BNG ten entre os seus obxectivos desenvolver a capacidade produtiva do medio rural poñendo en valor produtos como a castaña e recuperando as terras agrarias que están abandonadas, para o que comprometeu a mobilización na próxima década de 100.000 hectáreas de terra agrícola abandonada.Por último, Pontón avanzou tamén unha liña específica de actuación en materia de innovación para acadar deste xeito máis valor engadido aos produtos e servizos do rural.

“Nós temos a convicción de que Galiza necesita un goberno que poña en marcha un rural vivo, produtivo, habitado e onde vexamos que hai oportunidades”, concluíu logo de felicitar especialmente á Asociación Fonte do Milagro por facer posible unha festa, a da Pisa da Castaña, que dende hai 24 anos pon en valor un produto tan importante como a castaña e as tradicións que acompañan a súa produción.


servicios públicos /