A Xunta de Persoal denuncia mala xestión e improvisación continua nas obras do “Novo CHUAC”
A Xunta de persoal da área sanitaria da Coruña-Cee realizou unha concentración este venres en rexeitamento á «nefasta xestión» da Xerencia na reubicación do persoal do Hotel de Doentes, xa que este edificio será derruído no marco das obras do «Novo CHUAC».
![A Xunta de Persoal denuncia mala xestión e improvisación continua nas obras do “Novo CHUAC”](https://www.tercerainformacion.es/wp-content/uploads/2025/01/2025_01_10_ProtestaObrasNovoChuac_00-d6091a23-950x0-c-default.jpg)
Critican que a recolocación destes profesionais non foi comunicada ao órgano de representación «coa antelación suficiente, sendo a información moi sesgada» e que a pesar de reclamalo en repetidas ocasións «as organizacións sindicais non recibiron a información, nin foron negociadas as condicións laborais deste persoal mobilizado».
A maior parte destes/as profesionais van a ser reubicados no edificio Expocoruña. Tras coñecer a decisión, a Xunta de Persoal solicitoulle á Xerencia unha reunión urxente, «que se convoca pasada unha semana da súa petición e no mesmo día que comeza o traslado de profesionais».
Neste contexto, as/os delegadas/os de prevención da área sanitaria de A Coruña- Cee esixiron que a Xerencia amosara as instalacións de Expocoruña, descubrindo «un claro déficit de espazo». «O número de persoas traballadoras é maior que os postos de traballo dispoñíbeis, que están amoreados en espazos abertos sen privacidade algunha ou en despachos minúsculos, non cumprindo os mínimos necesarios para desenvolver o seu traballo diario», advirte a presidenta da Xunta, Lucía Peón. Así mesmo, esixironselle á Xerencia as avaliacións de risco destes espazos, «xa que as/os técnicas/os de prevención tampouco visitaran os locais».
Para o órgano de representación todo isto pon de manifesto «unha vez máis a falta de organización e previsión distintivas desta Xerencia, así coma unha nefasta xestión e mala utilización de recursos que está sendo xa habitual nas obras do Novo CHUAC».
![](https://www.tercerainformacion.es/wp-content/uploads/2025/01/2025_01_10_ProtestaObrasNovoChuac_06-1024x577.jpg)
Dilixencias da Inspección de Traballo
No marco destas obras, xa se inauguraron dous «novos servizos» como son a UCI e a Farmacia, «ambos con dilixencias de Inspección de Traballo onde se constatan deficiencias importantes en canto aos espazos, riscos biolóxicos, etc.».
A modo de exemplo, explican que nos boxes da UCI no espazo que a Xerencia dispuxo para este fin non colle a aparataxe precisa para prestar a asistencia necesaria, «nin as/os traballadoras/es poden moverse con facilidade para atender ás persoas doentes, é dicir, miles de euros invertidos en recursos sen planificación, sen ter en conta a participación dos/as profesionais e sen ser axeitados para unha prestación sanitaria en condicións adecuadas».
Por todo isto, a Xunta de Persoal acordou realizar esta primeira mobilización á que lle seguirán outras medidas de presión «se a Xerencia non rectifica e xestiona as obras adecuadamente».