Redacción •  Galicia •  10/03/2025

Folga na CRTVG contra a Lei do PP que ameaza os medios públicos galegos

Concentraranse ás 9:30 horas, diante do Parlamento de Galiza, coincidindo co seu debate en pleno.

Folga na CRTVG contra a Lei do PP que ameaza os medios públicos galegos

O comité intercentros da CRTVG convoca para mañá martes, día 11 de marzo, unha xornada de folga contra a nova lei de medios públicos que se debaterá nesa xornada no Parlamento de Galiza. Con este motivo o persoal concentrarase diante do Pazo do Hórreo, xunto coa Plataforma “Por unha CRTVG ao Servizo do Pobo”, desde as 9:30 horas.

O comité intercentros considera que a Lei de Servizos dos Medios Públicos de Comunicación audiovisual de Galiza para a sociedade dixital é “altamente lesivo” porque fai desaparecer a necesidade das maiorías reforzadas na elección da dirección xeral, o consello de informativos e o estatuto profesional e elimina, ademais, a prohibición de externalizar os servizos informativos.

Para a sección sindical da CIG na CRTVG, “o que se pretende facer coa nova lei é dar apariencia de legalidade á situación de secuestro á que o goberno do PP ten sometidos os medios públicos galegos”, tal e como explica Tiago Alvite.

O comité intercentros manifesta a súa oposición á externalización da programación na radio e na televisión. Denuncia que a dirección da CRTVG decidiu seguir apostando polo formato de coprodución no programa “O Termómetro”, substituto do programa de produción propia interna “A Revista”, desoíndo as protestas do cadro de persoal e sen que nin a audiencia nin outros factores avalen esta decisión.

Dereito á xubilación parcial anticipada

O comité intercentros denuncia tamén que a Dirección de Recursos Humanos da CRTVG comunicou que a partir do 1 de abril non atenderá máis solicitudes de acceso á xubilación parcial anticipada, “suspendendo un dereito recollido na disposición adicional novena do convenio colectivo, que xa avalara unha recente sentenza xudicial”.

Xunto a isto, rexeita a implantación de “centros multimedia” sen os tempos de formación e adaptación precisos. Neste sentido apunta que a Dirección Xeral da CRTVG iniciou nas delegacións territoriais un proceso de transformación baixo a aparencia de “centros multimedia” que non respecta os dereitos de formación, adaptación e prevención de riscos psicosociais do persoal afectado.


CRTVG /