Redacción •  Galicia •  10/05/2021

Amigos da Terra aposta pola xustiza de xénero e o desmantelamento do patriarcado en Honduras

Amigos da Terra e a Asociación de Desarrollo Pespirense (ADEPES) continúan coa posta en marcha do proxecto para a mellora da equidade de xénero en Choluteca, Honduras, financiado pola Cooperación Galega, e que se extenderá ata finais de 2021.

Amigos da Terra aposta pola xustiza de xénero e o desmantelamento do patriarcado en Honduras

Para conquerir avances pola xustiza de xénero e o desmantelamento do patriarcado ADT levou a cabo accións de fortalecemento institucional e de incidencia política no municipio de El Corpus. Dun xeito moi participativo, outorgando o liderado á Rede Municipal de Mulleres de El Corpus, elaborouse o Plan Operativo Anual 2021 para a Oficina Municipal da Muller (OMM), actualizouse a Política Municipal de Equidade de Xénero e construíuse un Plan de Acción para a execución desta política.

A finais de xaneiro de 2021, no marco do Día da Muller Hondureña, logrouse a aprobación destes tres documentos por unanimidade dos catro partidos políticos da Corporación Municipal. Sendo certo que as eleccións primarias de marzo de 2021 foron un incentivo para esta aprobación colectiva, cabe destacar que a capacidade de incidencia e o poder das mulleres nas institucións estase a incrementar notablemente gracias a estes procesos participativos. Isabel, unha das mulleres formadas na escola de lideresas deste proxecto, foi elixida como candidata a Deputada Nacional e Coordinadora Departamental no seu partido. Tania, a vice-alcaldesa de El Corpus, foi elixida como candidata a Deputada Nacional polo Departamento de Choluteca coa maioría dos votos no seu municipio. Ademais, Ilse, responsable do Centro de Atención Integral á Muller de Choluteca e habitual colaboradora nas actividades de incidencia política ante os operadores de xustiza, tamén foi elixida candidata a Deputada Nacional por Choluteca.

Neste ano 2021 continuouse co fortalecemento institucional das entidades responsables da atención ás necesidades básicas e os intereses estratéxicos das mulleres no municipio de El Corpus, incidindo así na aplicación da política de equidade de xénero e do 5% do orzamento municipal en actuacións para a equidade de xénero, segundo as liñas de acción priorizadas no Plan Operativo Anual 2021 da OMM de El Corpus. Desde xeito, o obxectivo é que se faga realidade a asignación do 5% do orzamento municipal para accións transformadoras que permitan reducir as desigualdades de xénero e a violencia contra as mulleres e as nenas.

Paralelamente no Departamento de Choluteca a ONG participou nos Comités Organizadores de campañas de sensibilización e incidencia política pola Xustiza de Xénero en diferentes foros e actividades: con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller (25 de novembro), na Campaña 16 días de activismo contra a violencia de xénero, con foros como “Unidas pola defensa dos Dereitos Humanos, previndo e reparando os danos” en Choluteca ou “A incidencia da pandemia do COVID-19 na violencia de xénero, a saúde, a soberanía alimentaria e a economía local para a vida das mulleres en tempos de crisis”. Xa neste 2021 a entidade continuou con actuacións polo Día da Muller Hondureña (25 de xaneiro) e Día Internacional da Muller (8 de marzo), así como participando en actos reivindicativos ante a ola de violencia contra as mulleres por parte dos corpos de seguridade do Estado culminados co foro “Xustiza para unha vida digna para todas”.

Complementariamente ás accións de incidencia política, o grupo promoveu unha formación integral sobre os dereitos humanos, a prevención e atención da violencia de xénero e o empoderamento persoal e colectivo das mulleres rurais. Así, a finais do ano 2020, organizou varias xornadas de formación a nivel municipal e departamental sobre os Dereitos Económicos, Sociais, Culturais e Ambientais (DESCA) das mulleres, o Dereito Humano á Alimentación e Nutrición Axeitada (DHANA) e a Soberanía Alimentaria (SobAl), a Igualdade, Equidade e Xustiza de Xénero, as diversas formas de violencia de xénero, o marco legal internacional e nacional e os mecanismos de protección do Estado para as mulleres e as nenas. Tamén se organizaron dous foros de intercambio de experiencias na praza do Concello de El Corpus para reivindicar o traballo das mulleres rurais e a súa importancia na economía familiar e para visibilizar a producción agroecolóxica de alimentos saludables, sementes nativas ou criollas e artesanías locais.


Amigos da Terra /  Honduras /