Redacción •  Galicia •  10/06/2022

Veciñanza de Padrenda e Pontedeva rexeita nunha concentración a LAT de Greenalia

A Comunidade de Montes de Desteriz e a Asociación de Veciños de Desteriz xa se puxeron en contacto coa plataforma STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA para obter información da loita que se está a desenvolver nos oito concellos afectados polo plan de Greenalia. 

Veciñanza de Padrenda e Pontedeva rexeita   nunha concentración a LAT de Greenalia

Medio cento de veciñas e veciños dos concellos de Padrenda e Pontedeva concentráronse esta mañá en San Pedro de Crespos, a capitalidade do Concello de Padrenda, para protestar contra o trazado da Liña de Alta Tensión que Greenalia proxecta entre o suroeste de Ourense e a subestación da Frieira xunto ao Miño.

A veciñanza respondeu á convocatoria da Comunidade de Montes de Desteriz (Padrenda) e da Asociación de Veciños de Desteriz. Veciños e comuneiros rexeitan un trazado que discorre a menos de 200 metros dos núcleos de Lordelo, A Agra e Ameán, e a menos dun quilómetro de Pozabella, Grixó, As Lamas e Morgade, todos eles en Padrenda. No Concello de Pontedeva, as localidades máis afectadas son Deva e A Trigueira.

O alcalde, Manuel Pérez (PP), e outros membros da corporación, recibiron despois aos veciños na Casa do Concello, e mostraron o seu apoio ás súas demandas. O goberno local de Padrenda é o segundo, despois do de Porqueira, que se opón ao trazado. Porqueira xa anunciou que presentará alegacións e reunirá á veciñanza en asembleas parroquiais para explicar os riscos que presenta o proxecto.

A LAT coa que Greenalia pretende dar servizo a varios polígonos eólicos xa en tramitación entre o Larouco (A Limia) e o Laboreiro (Terra de Celanova) e chantar máis de 240 torres de alta tensión nun percorrido de 42 quilómetros. A Comunidade de Montes de Desteriz e a Asociación de Veciños de Desteriz xa se puxeron en contacto coa plataforma STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA para obter información da loita que se está a desenvolver nos oito concellos afectados polo plan de Greenalia. Polo momento, a plataforma xa participou en asembleas veciñais en Porqueira e Calvos de Randín, orixe da liña, e confrontou tamén cos técnicos de Greenalia que, convidados polos alcaldes de Calvos e Bande, participaron en xuntanzas cos veciños.

Imaxes: últimos tramos do trazado en Quintela, Pontedeva e Padrenda (do EIA da promotora), e veciños na Casa do Concello de Padrenda despois da concentración.


energía eólica /