Redacción •  Galicia •  10/07/2024

A CIG-Ourense convoca unha manifestación para alertar sobre a situación dunha provincia «que esmorece»

  • A Unión Comarcal pon en marcha unha campaña de sensibilización e denuncia para esixir das administracións un plan de futuro que evite a súa desaparición.
A CIG-Ourense convoca unha manifestación para alertar sobre a situación dunha provincia «que esmorece»

A CIG de Ourense anunciou hoxe a convocatoria dunha manifestación para o vindeiro mércores 17 de xullo coa que se dará inicio a unha campaña de sensibilización e denuncia sobre a “dramática” situación socioeconómica e laboral que atravesa “unha provincia que esmorece”. Coa marcha, que arrincará do edificio da Xunta (Casa de Chocolate) ás 20:00 horas e rematará diante do Concello tras pasar pola Subdelegación do Goberno español, a central sindical quere reclamar das tres administracións públicas un compromiso urxente e un plan de futuro “que evite o risco real de desaparecermos”.

A mobilización foi anunciada hoxe en rolda de prensa polo secretario comarcal, Anxo Pérez Carballo, que compareceu diante dos medios de comunicación acompañado por distintos membros do Secretariado Comarcal. Pérez Carballo sinalou que o actual proceso de “desfeita industrial e perda demográfica que padece Ourense, sumado á debilidade do seu tecido produtivo, está a estender os baixos salarios e pensións, a precariedade laboral e a pobreza e exclusión social”.

Un contexto que se evidencia nos datos “absolutamente demoledores” recollidos no informe sobre a situación socioeconómica e laboral da provincia de Ourense elaborado recentemente polo gabinete técnico da central sindical, “até o punto de que mesmo invitan a pensar que nos atopamos nunha provincia en vías de extinción”.

Así se desprende da “alarmante” demográfica, xa que na última década a provincia perdeu o 8% da poboación a pesar de que recibe gran cantidade de emigración, sobre todo de emigrantes retornados. Ao que se suma o avellentamento da poboación. “A pirámide demográfica aquí non ten forma de pirámide senón de buxaina, e podemos ver como persoas maiores de 85 anos triplican as menores de catro.” Mentres se perdeu unha xeración enteira de xente nova con estudos e formación universitaria que tivo que emigrar en busca dun posto de traballo.

Debilidade do tecido produtivo

Ao mesmo tempo, Ourense é unha das provincias que ten máis pensionistas que cotizantes, rexistrándose unha proporción desorbitada entre pensionistas e persoas asalariadas: 108.000 pensionistas fronte a 80.000 persoas asalariadas. “Temos as prestacións máis baixas de todo o Estado español, e a maioría das persoas que gozan dunha pensión digna é porque traballaron fóra”. Ademais, as mulleres cobran sobre un 30% menos de pensión que os homes.

Outra problemática á que se referiu Pérez Carballo ten que ver coa debilidade do tecido produtivo, até o punto de que 8 de cada 10 empresas teñen un máximo de dúas persoas asalariadas traballando, e só unha ducia superan as 250 persoas traballadoras.

En canto á contratación, aludiu a que a última reforma laboral “non foi nada positiva”, xa que aínda que se asinan máis contratos indefinidos, o 60% deles son precarios: ou fixos descontinuos ou a tempo parcial. “E unha vez máis a precariedade cébase coas mulleres, xa que o 75% dos contratos a tempo parcial e o 60% dos fixos descontinuos foron subscritos por mulleres”.

No que ten que ver co nivel salarial, incidiu en que amosa unha provincia con serio risco de pobreza laboral e de exclusión social, até o punto de que o 35% das persoas asalariadas cobran por debaixo do SMI e que 18.500 ingresaron menos de 3000 euros ao ano, segundo datos da propia Axencia Tributaria en 2022.

Desfeita industrial

“Se a isto lle engadimos a desfeita que se está a producir a nivel industrial, completamos o panorama caótico desta provincia”. Xa que importantes empresas como Egatel, Hispamoldes, Hispaplastic ou Ilunion atópanse “en serio rico de desaparición” ou de aplicar recortes. “Por non falar do sector da automoción, cun importante volume de emprego en Ourense, que se enfronta a un proceso de reconversión industrial, e ben sabemos o que significa ese concepto”. De igual xeito, a industria téxtil estase vendo ameazada e debilitada pola cada vez maior deslocalización da produción, de xeito que empresas como Adolfo Domínguez, que chegou a ter máis de 1000 persoas traballando na provincia hoxe apenas chega ás 200.

Sectores como a lousa, unha industria autóctona, nestes momentos atópase practicamente ao 100% en mans de fondos estranxeiros, ou o primario, tanto agricultura como gandería, “tamén está ‘tocado’ porque as grandes transnacionais da alimentación impoñen unhas políticas de prezos que afogan os produtores”.

Finalmente, o máximo responsábel da CIG-Ourense indicou que “ante esta situación na central sindical pensamos que só caben dúas cousas: ou damos un golpe enriba da mesa ou nos metemos debaixo dela a agardar a que pase o temporal; e nós non imos quedarnos cos brazos cruzados, polo que decidimos convocar unha manifestación para esixir das administracións públicas unha implicación real na busca de solucións para enfrontar o que está acontecer. Porque ou se aposta por Ourense e se implementa un plan de futuro, ou o futuro desta provincia vai quedar seriamente comprometido”.

Unha manifestación que servirá de “pistoletazo de saída” a unha campaña de sensibilización na rúa e nos centros de traballo, de denuncia e de reclamación que se manterá no tempo ante a gravidade dunha situación “que ben merece ese esforzo e ese compromiso, e dende logo a CIG non vai arredarse nin a meterse debaixo da mesa; imos dar esa pelexa, porque igual é a última que podemos dar para salvar unha provincia que se atopa claramente en vías de desaparición”.


Ourense /