BNG propón un modelo enerxético que aposte pola xustiza social e o desenvolvemento económico de Galiza
Pontón: “Unha proposta de País fronte a un PP entregado ás eléctricas, desnortado e incapaz de defender os intereses dos galegos e galegas”.
A proposta do BNG inclúe a participación pública no sector da enerxía, unha tarifa eléctrica galega e o fomento do autoconsumo.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, mantivo esta mañá un encontro de traballo con persoas expertas e cargos públicos co obxectivo de seguir avanzando nun dos debates máis importantes da Galiza de hoxe para poder construír o futuro: o modelo enerxético.
A líder do Bloque manifestou que o BNG “camiña con paso firme no deseño das políticas que precisa este País para ser vangarda nas transformacións enerxéticas e na loita contra o cambio climático, nun momento de grandes transformacións que van ser tan importantes como no seu dia foi a revolución industrial”, explicou, afirmando que non se pode ser mero espectadores nin permitir que Galiza quede atrás.
Pontón fixo alusión a que se precisan políticas valentes e con ambición para cambiar o paradigma e sentar as bases dun modelo enerxético galego. Un novo paradigma pensado desde e para Galiza que poña fin ao espolio e a concentración de beneficios multimillonarios en mans das grandes eléctricas. “Estamos falando dun modelo no que a enerxía sexa o que sempre debeu ser, un ben público ao servizo da sociedade e que permita o desenvolvemento do noso País”, declarou a portavoz nacional.
Unha proposta de País fronte a un PP entregado ás eléctricas, desnortado e incapaz de defender os intereses dos galegos e galegas
Ante un Goberno do PP “entregado ás eléctricas e aos deseños centralistas que parten de Madrid, desnortado, durmido, e incapaz de defender os dereitos dos galegos e as galegas”, a líder do Bloque destacou que o BNG “camiña con paso firme no deseño das políticas enerxéticas do futuro”.
Modelo BNG Vs un Goberno do PP durmido
“Temos un Goberno do PP durmido, que propón un modelo eólico depredador, con sentenzas en contra do TSXG e criticado polo conxunto da sociedade”. “Ademais, puntualizou, é incapaz de pedir ao Estado a retirada do POEM para defender os intereses do sector pesqueiro que representa 64.000 empregos directos, e vemos como os galegos e as galegas sofren a maior suba do prezo da luz nos últimos trinta anos a pesar de ser exportadores netos de electricidade”.
Fronte a un PP que abandona Galiza, o BNG deseña alternativas para poñer a enerxía ao servizo de toda a sociedade. Neste sentido, fixo público un decálogo para un novo modelo enerxético galego con alternativas que permitan construír unha Galiza con futuro, que reduza o uso das enerxías fósiles e que aposte pola investigación e a optimización de recursos. “Temos que estar á vangarda contra o cambio climático, acadar a neutralidade climática e poñer a produción eléctrica ao servizo do conxunto do País”, subliñou.
Ámbitos de actuación para un novo modelo enerxético
Pontón explicou o modelo enerxético do BNG que sintetizou nun decálogo en catro ámbitos de actuación. O primeiro é o aspecto normativo regulador, pensado para impulsar cambios lexislativos para que Galiza poida ter competencias plenas no ámbito da enerxía e os recursos naturais.
O segundo eido ten que ver coa planificación e ordenación. “Estamos vivindo un momento no que só se pensa en producir máis enerxía sen medir as consecuencias a curto, medio e longo prazo e, ademais, está a usarse a emerxencia climática para poñerlle unha etiqueta verde ao espolio de sempre”. Con respecto disto, o BNG propón unha planificación do territorio, que indique o lugar, o xeito e o momento nos que hai que producir electricidade.
“Hai que analizar ben cales van as necesidades de enerxía, ordenar como imos substituír os combustibles fósiles, planificar a xeración renovable en canto aos prazos, a súa localización e a combinación de tecnoloxías”, recalcou Pontón. O terceiro ámbito ten que ver co tecnolóxico e a innovación, pensando nunha Galiza que conte cun centro de almacenamento de enerxía e de investigación.
Finalmente, cuarto e último eixo está relacionado co fomento e o impulso. A líder do BNG puntualizou que “é preciso apostar por un cambio de paradigma que priorice a enerxía de proximidade, descentralizada e distribuída, climaticamente sostible e eficiente e que sexa acorde coa realidade social e xeográfica do noso País”.
Catro medidas urxentes
Atendendo a este novo modelo de xestión enerxético, o BNG destaca as principais medidas do decálogo, todas arredor da participación pública no sector enerxético.
Nesa dirección: dar prioridade de adxudicación de parques eólicos ás empresas que conten con participación pública e teñan o foco no interese social; tarifa eléctrica galega, aposta pola enerxía de proximidade, descentralizada, e tamén reordenar e planificar as instalacións a través dun novo plan sectorial eólico con maiores esixencias no ámbito económico, social e medioambiental.
Pontón defendeu un cambio na lexislación “que teña no centro a declaración do vento como dominio público galego”, denunciando que “co actual modelo do PP, as eólicas teñen concesións de por vida”.
“Hoxe presentamos propostas serias e con ambición en relación ao futuro enerxético, cambiando o modelo actual e para apostar por unha transición xusta e democrática para mirar ao futuro con optimismo”, indicou a portavoz nacional. “Hai dous modelos: o do PP, que consiste en abandonar o País para defender ás eléctricas; e o modelo que representamos no BNG, que aposta por facer da enerxía un ben público ao servizo da sociedade poñendo en marcha cambios que nos permitan ter un horizonte de esperanza”, concluíu.