Redacción •  Galicia •  11/08/2024

BNG denuncia a subvención da Xunta para a creación de pisos turísticos en Vigo

  • A deputada Alexandra Fernández advertiu que o goberno do PP trata de maquillar a operación, “alegando que o proxecto vai impulsar a economía local”-
  • Esta operación só vai redundar na progresiva turistificación do centro histórico e no incremento de prezos da vivenda habitual.
BNG denuncia a subvención da Xunta para a creación de pisos turísticos en Vigo

A portavoz de Vivenda do Bloque Nacionalista Galego, Alexandra Fernández, denuncia no Parlamento que a Xunta do Partido Popular está a subvencionar a creación de apartamentos turísticos no centro de Vigo cando existe un grave problema de acceso á vivenda habitual.

O pasado 5 de agosto o Consello da Xunta informaba que outorgaba unha subvención a Fyneko Real Estate Investment Trust S.L. para a rehabilitación dun edificio “para a posta en marcha de apartamentos turísticos” sinalou a deputada. A empresa que recibirá a subvención trátase dun negocio orientado á xestión e colocación no mercado de bens inmobles, principalmente comerciais e industriais por todo o territorio estatal.

A deputada Alexandra Fernández explicou que “resulta inxustificable que unha empresa desta características, que se dedica ao investimento e especulación con activos inmobiliarios, reciba fondos públicos para financiar as súas operacións de investimento”. Concretamente uns 699.000€ de fondos públicos, ademais salientou que pola “situación de centralidade do inmoble” é unha zona na que existe unha “alta demanda de vivenda habitual” e de presión turística.

Fernández advertiu que o goberno do PP trata de maquillar a operación, “alegando que o proxecto vai impulsar a economía local”, pero non fica claro en ningún momento en que consiste esa negociación, nin cal vai ser a súa repercusión económica, nin o seu impacto social positivo.

Para alén de todo isto, esta inxección de fondos públicos a esta empresa sucede en paralelo a unha crise de acceso á vivenda permanente e habitual, que deriva en parte do problema do incremento dos pisos turísticos. Nos últimos anos Vigo converteuse na localidade co maior número de vivendas turísticas rexistradas con 1.798 VUT en xuño de 2024. “Isto supón un aumento do 160% tan só nos 2 últimos anos” sinalou a deputada nacionalista. Ao mesmo tempo que se incrementan os pisos turísticos e que descende a oferta de vivenda habitual, o prezo medio do aluguer en Vigo non parou se subir de forma desmedida: en xuño de 2024 xa está situado nos 626,6€ mensuais, cando hai apenas 5 anos era de 495,4€.

A subvención recibida é cuestionable tanto do punto de vista do turístico, urbano e do acceso á vivenda. “Esta operación só vai redundar na progresiva turistificación do centro histórico, no incremento de prezos da vivenda habitual e en grandes beneficios para quen especula con activos inmobiliarios” concluíu.


pisos turísticos /