Redacción •  Galicia •  11/12/2022

BNG denuncia o “espolio enerxético” de Galiza e reivindica unha tarifa eléctrica galega que beneficie ás familias e empresas

  • Nun acto reivindicativo no Parque eólico Monte Treito rexeita o modelo eólico depredador do PP e reclama outro modelo que reverta en riqueza para os galegos e galegas.
  • Rosana Pérez advirte que a proliferación de muíños eólicos nos montes galegos pode estenderse a nosas costas “se non o paramos” e pide que se recoñeza a electricidade como un “ben básico e baixo o control público galego”.
  • Fai un chamamento a participar na manifestación convocada polo BNG o vindeiro día 18 de decembro baixo o lema “Non é unha crise de prezos, é unha estafa. Hai alternativas!”
BNG denuncia o “espolio enerxético” de Galiza e reivindica unha tarifa eléctrica galega que beneficie ás familias e empresas

Nun acto reivindicativo celebrado no Parque eólico Monte Treito, situado entre os concellos de Lousame, Dodro, Rois e Rianxo no que participaron un cento de persoas, o BNG denunciou “o espolio enerxético de Galiza” e reivindicou “unha tarifa eléctrica galega” que abarate o prezo da luz e beneficie ás familias e empresas.

Tras despregar varias macrofaixas cos lemas «Galiza produce, Madrid consome. Tarifa Galega» e «Espolio Nunca Máis«, a deputada do BNG, Rosana Pérez afirmou que a “electricidade é un ben básico e que debe estar baixo control público galego”

A parlamentaria advertiu que a proliferación de “muíños nos montes galegos” pode estenderse a nosas costas “se non o paramos”. Neste sentido, fixo un chamamento a participar na manifestación convocada polo BNG o vindeiro día 18 de decembro en Santiago de Compostela baixo o lema “Non é unha crise de prezos, é unha estafa. Hai alternativas!

Na súa intervención, a nacionalista explicou que no último ano, a vida das galegas e galegos incrementou o seu custe “nun 11%” e a inflación continua desorbitada e con máis empobrecemento. No caso concreto da electricidade, dixo, “a suba esta desbocada” e afecta a un gran número de produtos e servizos que precisan desta enerxía. Dende o BNG vimos reclamando dende hai anos que “Galiza precisa unha tarifa eléctrica galega” que abarate o recibo da luz das familias e das empresas para facelas máis competitivas. Galiza, por outra parte, “nunca xerou tanta enerxía eólica, os nosos montes están inzados de muíños como este do Monte Treito e de non remedialo, non só veremos muíños nos nosos montes senón que serán instalados tamén nas nosas costas”.

Recoñecemento da electricidade como ben básico e baixo control público galego

Este espolio enerxético en Galiza, recalcou Rosana Pérez faise para beneficio doutros territorios e das grandes empresas eléctricas sen que os galegos e galegas teñamos un retorno que compense o impacto social e económico que se está a producir.

Dende o BNG, reiterou a nacionalista, consideramos que non estamos ante unha crise, estamos “ante un gran roubo do que se están a enriquecer a nosa conta” e de aí que defendamos unha tarifa eléctrica galega que abarate o recibo da nosa luz e que a “electricidade sexa recoñecidacomo un ben básico e baixo o control público galego”.

Nun momento de crise socioeconómica como o que estamos a vivir, cuns prezos da luz desorbitados, as grandes eléctricas seguen “forrándose” mentres moitas galegas e galegos teñen que facer malabarismos para pagar a factura da luz e mentres vemos como, sendo o noso país produtor excedentario de enerxía “non temos ningunha compensación”. Isto hoxe en día vese claramente co deseño colonial que supón o «modelo eólico» que pretenden perpetrar no noso país e a Xunta e Goberno español van da man nesta cuestión.

O acto reivindicativo celebrado hoxe no Parque eólico Monte Treito (Iberdrola) enmárcase na batería de actos que o BNG está a realizar chamando a participar masivamente na manifestación nacional convocada polo BNG para o vindeiro 18 de decembro baixo o lema «Non é unha crise de prezos, é unha estafa. Hai alternativas!», reclamando unha saída xusta a esta situación e para evitar que, unha vez máis, sexa “quen menos ten quen pague as consecuencias desta crise”.


protesta /