Redacción •  Galicia •  12/01/2022

Unidas Podemos pide ao Goberno medidas para evitar a fragmentación irregular dos parques eólicos

Gómez Reino: «Necesitamos medidas para evitar que os intereses privados sigan poñendo en perigo a nosa natureza. Ante a invasión eólica no noso país, pedimos responsabilidade e compromiso para protexer ás comunidades e á riqueza paisaxística».

Unidas Podemos pide ao Goberno medidas para evitar a fragmentación irregular dos parques eólicos

O Grupo Parlamentario Confederal Unidas Podemos-En  Comú  Podem-Galicia en Común presentou unha pregunta ao Goberno relativa ás medidas contra a fragmentación irregular de proxectos eólicos para eludir o control ambiental do Ministerio de Transición Ecolóxica.

Na actualidade cada vez é máis común a presentación de proxectos  fragmentados para a instalación de parques eólicos, de maneira que o conxunto de aeroxeradores non supera os 50 MW. Con esta estratexia, as empresas evitan as condicións e restricións interpostas polo Goberno. O que buscan estas entidades é “limitar o alcance e adecuación das análises de impactos ao evitar o estudo dos impactos sinérxicos ou acumulativos destes proxectos sobre o territorio”, sinala o documento xa rexistrado no Congreso dos Deputados.

É o caso do parque eólico de Meirama, o cal Naturgy dividiu en dous para facilitar a tramitación por parte da Xunta de Galicia, algo do que a formación xa se fixo eco no Congreso. “Necesitamos medidas para evitar que os intereses privados sigan poñendo en perigo a nosa natureza. Ante a invasión eólica no noso país, pedimos responsabilidade e compromiso para protexer ás comunidades e á riqueza paisaxística”, sinalou o deputado por Galicia en Común, Antón Gómez Reino.

Tamén alegou que Galicia é a Comunidade Autónoma con menor superficie protexida de España e unha das rexións máis desprotexidas de toda a Unión Europea. Isto, xunto ao interese de Feijóo de apostar por eses proxectos industriais, favorecen a sobrecarga de parques eólicos. De feito, superouse o obxectivo do 74% de produción renovable estipulado para o ano 2030 polo Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima. “Os parques aséntanse en zonas que deberían estar protexidas. Cremos nas enerxías renovables pero se son xustas para todas”, subliñou.

Pola súa banda, o coordinador federal de Alianza Verde, Juantxo López de  Uralde sinalou que “A implantación de renovables é moi necesaria, pero, tal e como aprobamos na lei de cambio climático debe facerse respectando o patrimonio natural e a biodiversidade. É algo que non debemos esquecer para que a transición enerxética sexa xusta, pero tamén rápida”.


energía eólica /